Por admin | GC ABERTO | 21/06/2022
Pese ás continuas mensaxes que intentan transmitir un cambio de dinámica no sector naval, o que está a acontecer no estaleiro Metalships devólvenos á triste realidade que vive unha das principais industrias que contribuíu ao desenvolvemento da economía da comarca de Vigo.
Despois do peche do foco mediático dunha Navalia tan “exitosa “, o que nos atopamos é que outro histórico estaleiro parece levar o mesmo camiño que Factorías Vulcano e HJ Barreras. Hai cinco anos que Metalships non contrata un barco; nos últimos dous anos, e pese aos cambios na dirección, os únicos movementos foron o despedimento de arredor de 18 traballadores/as, iniciándose un paulatino deterioro da situación. Ao que hai que sumar que o convenio colectivo leva anos paralizado e que se está a producir unha perda progresiva de persoal.
A estas alturas de mes os traballadores/as aínda non cobraron os salarios de maio, o que os coloca nunha problemática económica e familiar e supón un novo exemplo do deterioro da imaxe que se lle trasladada ás posíbeis empresas armadoras e clientes do sector.
Os poderes públicos, e particularmente os Gobernos español e galego, ambos con ámbito competencial sobre o sector naval, teñen un papel relevante na saída da crise, condicionando o apoio a un novo modelo de sector que actúe como contorno local cunha industria integrada entre estaleiros e compañías auxiliares, liderada por empresarios/as e profesionais solventes
financeira e profesionalmente.
Sendo un sector fundamental para o desenvolvemento económico e social da bisbarra de Vigo, e por exención de Galiza, e ante o fracaso dalgúns dos modelos empresariais, é deber das institucións publicas apoiar e buscar solucións a unha situación de deterioro que ameaza con facer imposíbel a recuperación do sector para que volva ter a capacidade tractora de potenciar a economía e o emprego.
Cesar Rodríguez, da CIG-Industria de Vigo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.