Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 21/06/2022 | Actualizada ás 11:34
A Real Academia Galega completou a incorporación da práctica totalidade das obras que editou, desde a súa fundación en 1906, á sección de publicacións dixitais da súa páxina web. As novas achegas son en total 177 títulos con case 37.000 páxinas que abarcan desde o primeiro dicionario da RAG (1913-1928) ata discursos de ingreso na Academia e as distintas normas da lingua, entre outros traballos.
O catálogo completo suma así uns 325 volumes dixitalizados que poden consultarse de forma gratuíta desde calquera parte do mundo, de acordo co propósito da RAG de ofrecer á cidadanía todas as súas publicacións en aberto.
O dicionario galego-castelán que a RAG publicou en fascículos entre 1913 e 1928 é un dos exemplares que xa poden descargarse en academia.gal. Trátase do manual elaborado polo historiador César Vaamonde Lores, segundo arquiveiro bibliotecario da Academia.
As edicións orixinais dos discursos de ingreso na RAG de figuras como Ramón Otero Pedrayo, Francisco Fernández del Riego, Xeanro Mariñas do Val, Xosé Neira Vilas e Luz Pozo Garza constitúen outro bloque destacado de obras dixitalizadas que incorporan o recoñecemento óptimo de caracteres.
Tamén se completou nesta ocasión a dixitalización das edicións especiais con motivo do Día das Letras Galegas ao coidado de membros da Academia, entre elas as dos títulos dedicados a Ramón Cabanillas (1976), Carballo Calero; Francisca Herrera Garrido (1987) e Otero Pedrayo (1988) a cargo de Carlos Casares; Celso Emilio Ferreiro (1989) por Antonio Fraguas; Álvaro Cunqueiro (1991), por Xosé Filgueira Valverde; Rafael Dieste (1995), a cargo de Salvador García Bodaño; ou Xesús Ferro Couselo (1996), de Olga Galego.
Entre as monografías que se suman á lista de títulos ofrecidos para consulta dixital figuran, ademais, as normas históricas da lingua galega ditadas pola RAG desde os anos 70 do século pasado, máis a versión provisional do Vocabulario ortográfico da lingua galega (1990).
A edición das cartas a Murguía conservadas na RAG ao coidado da académica Xosé Ramón Lorenzo e Xosé Luís Axeitos (2003 e 2005); os dous volumes de Libros e autores galegos de Ricardo Carballo Calero (1979 e 1982) e o estudo e edición da Crónica troiana (1985) do tamén académico Ramón Lorenzo forman parte doutro grupo de títulos dixitalizados que foron editados en no seu día pola RAG e a Fundación Barrié, entre os que tamén se atopan achegas externas como o Dicionario de Fole (1997) de Xosé Cora.
Tamén se incorporaron o sete primeiros números da publicación periódica Cadernos de Lingua, que estaba incompleta en versión dixital e que agora pode consultarse e descargarse na súa totalidade; e os folletos de catálogos do centenario da Academia e dos distintos congresos organizados pola RAG ao redor da figura e da obra de Emilia Pardo Bazán, entre outros volumes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.