Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2022 | Actualizada ás 10:16
Catro motoristas resultaron feridos en dous accidentes rexistrados nos municipios de Ares (A Coruña) e Cangas (Pontevedra). No primeiro caso saíu despedido ao chocar con mobiliario urbano e no segundo chocaron dúas motocicletas.
Segundo informou o 112 Galicia, ambos os sinistros producíronse entre as últimas horas do día de onte e as primeiras da madrugada. En Ares sucedeu sobre as 1,00 horas deste xoves cando un motorista saíu despedido do seu vehículo despois de chocar contra o mobiliario urbano no lugar de Lubre. A pesar do impacto, o ferido foi evacuado ao centro hospitalario máis próximo consciente.
Ademais dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, acudiron ao accidente os voluntarios de Protección Civil da localidade e os axentes da Garda Civil de Tráfico.
De feito, foron os voluntarios quen localizaron ao motorista, pois a testemuña do accidente que chamou ao 112 asegurou que o vehículo estaba tirado coas luces acesas, pero sen rastro do condutor. Posteriormente, os membros da agrupación aresa atoparon ao ferido que saíra despedido a consecuencia do impacto.
CANGAS
Por outra banda, en Cangas, pouco antes das 20,00 horas deste xoves, tres motoristas sufriron diferentes lesións tras verse implicados nunha colisión entre dúas motos na Avenida da Coruña.
Un veciño, que presenciou o choque desde a xanela da súa casa, contactou co 112 Galicia para pedir axuda. Así, avisouse a un equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos axentes da Policía Local e Garda Civil de Tráfico e aos membros do servizo local de Protección Civil.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.