Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2022 | Actualizada ás 20:00
Unha 'Homenaxe Nacional' recoñecerá o legado e a contribución ao autogoberno do exconselleiro e deputado nacionalista Pablo González Mariñas.
Antigos compañeiros do eido da política, a universidade e o dereito veñen de organizar unha 'Homenaxe Nacional' para o vindeiro 8 de xullo a Pablo González Mariñas, exconselleiro de Presidencia e Administración Pública e voceiro da Xunta de Galicia (1987-1990), deputado do Parlamento de Galicia (1981-1989 e 2005-2009) e profesor titular de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago de Compostela e na Universidade da Coruña.
A Comisión Organizadora do acto, conformada por diversos sectores da sociedade, da cultura, da economía, da política e da universidade galegas, quere recoñecer así a delongada traxectoria de González Mariñas "en defensa dos intereses políticos de Galicia, a súa contribución ao desenvolvemento do autogoberno e da súa Administración Pública e a súa contribución ao noso Dereito e á nosa Universidade", expoñen nun comunicado.
A homenaxe terá lugar o venres 8 de xullo dende as 13:30h no Restaurante Árbore da Veira, no Monte de San Pedro da cidade da Coruña. As persoas interesadas en acudir poden inscribirse antes das 00:00h do sábado 2 de xullo escribindo ao correo homenaxe.pablogonzalezmarinas@gmail.com. A comisión organizadora convida a toda a cidadanía galega a se sumar a este recoñecemento público a esta senlleira figura da nosa historia contemporánea.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.