Ence sitúa a fábrica das Pontes como "complementaria" e non alternativa a Lourizán

A Xunta, con Rueda á fronte, garante "todas as facilidades" á empresa e aposta tamén pola planta de hidróxeno de Reganosa e EDPR.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2022 | Actualizada ás 18:34

Comparte esta noticia

O director territorial de Ence en Galicia, Antonio Casal, asegurou que o municipio coruñes das Pontes, no que a compañía pretende investir 355 millóns de euros nunha fábrica de biomateriais, non pode acoller unha celulosa, polo que o proxecto que se planifica para esta localización ten un carácter "complementario" coa factoría de Lourizán.

"Nas Pontes non se pode construír unha planta de celulosa", recalcou Antonio Casal, ante as preguntas dos xornalistas sobre se o proxecto das Pontes supón un posible traslado da pasteira de Lourizán. Nunha rolda de prensa celebrada este xoves en Pontevedra, o director territorial de Ence compareceu acompañado do vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde, para achegar máis información sobre ese novo proxecto industrial.

Antonio Casal explicou que a fábrica de biomateriais produciría pasta reciclada branqueada e papel tisú, obtidos nun 80% a partir de cartón e papel reciclado, e incluiría unha planta de coxeneración de enerxía de 150 megawatts utilizando restos de actividades forestais e agrícolas. Segundo os seus cálculos, producirá un excedente de electricidade duns 30 megawatts que serán derivados na rede para consumo local de empresas e habitantes das Pontes.

PROXECTO "INDEPENDENTE" E "MOI DISTINTO" DA FÁBRICA DE LOURIZÁN

Na súa comparecencia, Antonio Casal insistiu en que o proxecto que Ence expón para As Pontes é "moi distinto e diferente" da fábrica de celulosa de Lourizán, da que si dixo que é "independente pero complementaria" xa que esta achegará o 20% de fibra virxe que necesita o proxecto das Pontes para completar o 80% de achegue de papel e cartón recuperado.

Neste sentido, indicou que se finalmente Ence ten que pechar a fábrica de celulosa de Pontevedra "habería que buscar outra fonte para completar ese 20% de pasta de fibra virxe" que, nese suposto, "podería" ser a fábrica que Ence ten en Navia, polo que o futuro do proxecto das Pontes non esta supeditado á continuidade do complexo industrial da ría de Pontevedra.

Na rolda de prensa fíxose énfase en que o proxecto das Pontes non requirirá de novas plantacións nin consumirá madeira e en que utilizará "a sexta parte" da auga que emprega unha fábrica de celulosa como a de Pontevedra. Tamén será "inferior" na súa capacidade e dimensións e producirá unhas cen mil toneladas anuais de papel tisú para produtos hixiénicos destinadas inicialmente ao mercado do noroeste peninsular.

A XUNTA, A FAVOR DE QUE ENCE SIGUA EN LOURIZÁN

Pola súa banda, o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, revelou que a Xunta e Ence levaban tempo buscando o emprazamento idóneo para este proxecto e respecto da fábrica de Lourizán, a Xunta asegura que "vai seguir traballando para que continúe onde sempre estivo e onde lle corresponde, a ría de Pontevedra, buscando a unidade de acción".

Conde, quen participou nesta rolda de prensa, ausentouse da reunión semanal do Consello da Xunta e, sobre este asunto, así como sobre a postura da Administración galega en relación á factoría de Lourizán, foi preguntado o presidente galego, Alfonso Rueda, quen garantiu que a empresa terá "todas as facilidades" por parte do Executivo autonómico.

Rueda coincidiu en que o proxecto das Pontes é "complementario" á factoría de Lourizán e sinalou que, "en ningún caso" se pode permitir "a saída dunha industria que xera 500 postos de traballo directos e moitos máis indirectos". O presidente galego manifestou o seu apoio á continuidade de Ence en Lourizán "a pesar dos esforzos que fan algunhas administracións" para que "isto non sexa así sen dar ningunha alternativa".

APOSTA POLAS FIRMAS QUE INVISTAN EN GALICIA

A "intención" da Xunta, incidiu Rueda, é "dar todas as facilidades" ás firmas que queiran investir en Galicia --estendeu esta vontade, preguntado posteriormente sobre o proxecto dunha planta de hidróxeno verde de Reganosa e EPDR--; e incidiu en que deberían contar co respaldo dos Fondos Next Generation.

"Especialmente cando se inviste en zonas necesitadas de alternativas como As Pontes --onde teñen o foco tanto Ence como Reganosa e EPDR--", esgrimiu Rueda. Sobre o proxecto da planta de hidróxeno, reafirmouse en que está "maduro e ben presentado", polo que confía en que teña "todas as posibilidades para que se poida facer".

Rolda de prensa celebrada este xoves en Pontevedra, o director territorial de Ence compareceu acompañado do vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde.. XUNTA
Rolda de prensa celebrada este xoves en Pontevedra, o director territorial de Ence compareceu acompañado do vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta