Feijóo volve a Galicia de romaría

Uns 4.000 afiliados e simpatizantes do PP participan este sábado na Romaría do Pino, co regreso do expresidente da Xunta como atractivo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/07/2022 | Actualizada ás 19:54

Comparte esta noticia

Afiliados, militantes e simpatizantes do PP daranse cita na xa tradicional romaría que a formación conservadora celebrará este sábado, a partir do mediodía, na localidade coruñesa do Pino. Organizado polo PP provincial, o acto contará coa intervención do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo; o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda; e o xefe de filas dos populares na provincia, Diego Calvo.

O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, nun acto de partido
O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, nun acto de partido | Fonte: Nacho Frade - Europa Press.

Tras dous anos sen poder celebrar esta cita debido á pandemia, a dirección provincial volveu convocar a 'familia' popular a unha xornada de marcado carácter lúdico.

"Deixaremos atrás, sen esquecernos dos que xa non están connosco, meses duros nos que estivemos privados dos bicos, dos abrazos e das alegrías que gozamos estando xuntos", trasladou Diego Calvo.

Para o presidente provincial, a recuperación desta romaría sempre foi un dos seus principais obxectivos estes anos. Non en balde, lembra o PP, a cita sempre "foi un éxito de organización e de afluencia de persoas en todas as súas edicións".

"En canto podamos facela, que ninguén dubide que a volveremos facer", trasladara o popular en todas as citas con militantes e afiliados.

Desta maneira, as 4.000 persoas que confirmaron a súa asistencia demostran, unha vez máis, apuntou o presidente popular coruñés, "a unión e a forza" que os populares teñen "en todos os recunchos da provincia da Coruña".

A organización colocará unha carpa de máis de 3.800 metros cadrados para dispensar unha comida na que non faltará a empanada, polbo e a tradicional 'carne ao caldeiro'. O prezo será de 25 euros por asistente, o que resulta en 100.000 euros.

A once meses da cita coas urnas municipais, a Romaría servirá tamén de pistoletazo de saída da campaña para as eleccións locais, na que os populares confían en poder aproveitar "o bo momento" que vive o PP estatal para "recuperar o goberno da Deputación da Coruña e concellos importantes como A Coruña, Santiago e Ferrol".

"Temos que chegar fortes a elas, temos que demostrar unha vez máis que somos a ferramenta para mellorar a vida da xente. Os que imos solucionar os seus problemas e, nunca, os que os causamos", concluíu Calvo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Galego de verdade

A Galiza verdadeira tem que botar estes sipaios da nossa terra.