Violencia administrativa ou como querer frear as peticións de axudas ás administracións

A violencia administrativa supón un grande obstáculo cando se quere recorrer ás axudas das administracións. Son “movementos” que fan desistir a reclamación de prestacións públicas en caso de urxencia social. A maioría das veces responden ao entramado burocrático das entidades públicas ou privadas. Outras veces, son as propias leis encamiñadas a protexer á cidadanía as que levan implícita esta violencia administrativa.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 09/07/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O termo “violencia administrativa” naceu nun encontro coa comisaria de Asuntos Sociais da Unión Europea (UE). Durante esa renunión unha persoa en situación de exclusión social sinalou: “vostedes permiten que en España as administracións practiquen a violencia administrativa contra persoas coma min”. A definición sería a referencia “á burocracia extrema que pon dificultades a persoas con necesidade de acceder a prestacións sociais, por exemplo” describe Xosé Cuns de EAPN Galicia. Un dos últimos chanzos nesta escaleira administrativa é o Bono Alugueiro da Mocidade, unha axuda para a emancipación da xente máis nova. A particularidade é que os formularios deben cubrirse na correspondente web, “dando por sentado que toda a xente nova ten smartphone, acceso a Internet e habilidades coas ferramentas informáticas”.

Pobreza infantil.
Pobreza infantil.

APOROFOBIA ADMINISTRATIVA?

A aporofobia administrativa garda unha intencionalidade política. A solicitude da RISGA por exemplo, debe ir acompañada dunha serie de documentos para acreditar que se viven en risco de exclusión social. “O propio sistema obriga a demostrar que “mereces” a axuda e non que “tes” dereito a ela”, sinala Cuns.

José María, quen vivíu na rúa durante un tempo, ve a fenda dixital como “violencia administrativa” cando só se poden encher documentos mediante Internet. “Se dormes nun caixeiro automático quere dicir que non tes acceso á rede, nin sequera terás móbil”. Un exemplo para el é o Ingreso Mínimo Vital (IMV) cuxos trámites son online, “non atenden persoalmente” para pedilo. Unha vez pedido, “a espera dunha resposta pode ir dos seis meses a un ano e mentres, que fas?”.

Yosehanna vive na Coruña e a violencia administrativa para ella comeza xa cando “no teu país de orixe fixeches uns estudos e aquí non podes convalidalos, isto fai que constes como persoa sen estudos”. No seu caso, si conseguiu convalidar o bacharelato do seu país co español, “mais a nota media era un 5”, cando no seu lugar de orixe tivera cualificacións máis altas.

O PREZO A PAGAR

Se volvemos á solicitude de axudas sociais, en moitos casos a persoa solicitante debe ser “acompañada”, é dicir, facerlle un seguemento sobre a súa busca activa de emprego, observar se ten habilidades ou se as está aprendendo para determinadas situacións (usos informáticos, por exemplo). “Neste caso están transformando aos funcionarios en inspectores” explica Xosé Cuns. Mais o certo é que sempre pode haber alguén dentro da administración que culpe aos pobres do seu estado.

Debaixo disto último subxace a postura de “ter que pagar” para recibir unha RISGA, o IMV ou a axuda pertinente. “Traballamos con administracións e debemos dicir que hai grandes profesionais exercendo funcións que non gardan relación coas funcións para as que se prepararon”.

Tamén se exerce a violencia administrativa cara colectivos de persoas con algunha discapacidade? A resposta é si, pois a obtención dunha discapacidade leva parella unha avaliación da persoa solicitante. Esa avaliación vén despois de facer a correspondente solicitude, e desde ese primeiro paso até o segundo poden pasar meses. “Non hai un enfoque asistencialista” afirma Cuns.

No meu caso, muller, inmigrante e negra si puiden ver actitudes mesmo racistas, mais danche un tratamento diferente en función do teu fenotipo” explica Yosehanna. “Tamén depende da persoa funcionaria que che toque e aínda así, a actual lei de Estranxeiría española é unha lei clasista, misóxina, racista e cruel”. A lei creouse en época de bonanza económica para atraer inmigrantes, mais que ocorre agora?, “se es muller e latina, que oportunidades tes?, sector servizos e en precario”.

José María apunta á diferencia enre as CCAA no referente ás axudas. “No País Vasco tes que ter un ano cotizado se queres acceder para unha renda mínima, en Galicia non e en Andalucía case que non hai nada parecido a axudas sociais”. Isto crea uns movementos de persoas “cara onde hai máis renda social desde lugares onde non hai ningunha ou son escasas”. E a isto engádese a pouca ou nula mobilidade social froito da falta de oportunidades.

A violencia administrativa nace cando os aparatos burocráticos atrasan ou impiden o acceso ás axudas sociais a unha parte da cidadanía. Os intereses detrás disto poden ir desde o ideolóxico ao puramente burocrático, o caso é que si existe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta