Falece Basilio Losada, gran divulgador da cultura galega en Cataluña e académico de honra na RAG

O académico de honra da RAG foi durante moito tempo "referencia obrigada da cultura galega en Cataluña desde os anos 60".

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 10/07/2022 | Actualizada ás 09:20

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega deu a coñecer nun comunicado o pasamento do académico de honra Basilio Losada (Láncara, 20 de xuño de 1930 – Barcelona, 9 de xullo de 2022). O tradutor, investigador e docente, emigrante en Cataluña dende cativo, foi primeiro catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa na Universitat de Barcelona e referencia obrigada da cultura galega en Cataluña desde os anos 60.

Basilio Losada
Basilio Losada | Fonte: RAG

Dende alí realizou un destacado labor de animador cultural, tanto dentro como fóra das aulas, e exerceu como  embaixador da lingua e a cultura galegas en Cataluña e, por extensión, en gran parte de España e Latinoamérica.

Como tradutor, Basilio Losada contribuíu á proxección das letras galegas fóra de Galicia vertendo ao castelán a autores como Xohana Torres, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro ou Uxío Novoneyra, entre moitos outros. Poetas gallegos de posguerra (1971), Poetas gallegos contemporáneos (1972) e Poetas gallegos de hoy (1990), publicados en edicións bilingües son algúns exemplos deste labor.

Destacan tamén as súas traducións de voces poéticas catalás ao galego e de clásicos e contemporáneos do mundo lusófono ao castelán, contribución que lle valeu, en 1991, o Premio Nacional de Tradución por Memorial do convento de José Saramago.

Basilio Losada deixa ademais un importante legado como investigador e divulgador das letras galegas, portuguesas e brasileiras. Mestre apreciado polas xeracións de filólogos que se formaron xunto a el, mereceu tamén o recoñecemento de institucións do ámbito catalán, galego e lusófono.

A Generalitat de Cataluña concedeulle a Creu de Sant Jordi, en Brasil recibiu a Orde do Cruceiro do Sul; en Portugal, a Comenda da Orde do Infante don Henrique; e en Galicia, a Medalla Castelao e o Premio Otero Pedrayo. No ano 2015 ingresou na Real Academia Galega como académico de honra cun discurso titulado Reflexións sobre as primeiras novelas de Rosalía de Castro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta