Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2022 | Actualizada ás 15:13
A Asociación Galega de Pais e Nais Separados reclama máis xulgados de Familia e máis medios para que se poidan executar e cumprir con "máis axilidade" as sentenzas de custodias compartidas.
A secretaria da asociación, Isabel Pereira, denunciou que hai procesos que se alongan durante anos e "os nenos crecen e as separacións que comezan cando os nenos teñen dous ou tres anos esténdense mesmo ata que teñen nove ou dez anos", por este motivo, sinalou, "perden parte da relación que poden chegar a ter cunha parte da familia".
En todo caso, recoñeceu que o problema é "a falta de medios nos xulgados" xa que, ademais, "en cidades e moitos sitios de Galicia" non hai xulgados de Familia, polo que estes procesos os levan maxistrados que "xulgan tanto unha empresa, un proceso penal ou un proceso de divorcio".
Por iso, demandou máis xulgados especializados. "Non hai medios, hai falta de persoal e todo se retarda. Son procesos que se alongan no tempo e estamos a xogar con persoas e, sobre todo, con nenos", insistiu. Así mesmo, tamén pediu máis mediación, xa que, na súa opinión, esta cuestión é un dos asuntos máis importantes nos xulgados de Familia.
CUMPRIMENTO DAS SENTENZAS
Este luns, a asociación acompañou a Carlos Varela, un pai que iniciou o pasado 15 de xuño unha manifestación reiterada fronte ao Xulgado de Arzúa para reclamar que se resolvese sen máis demoras a execución da sentenza que estableceu o réxime de custodia compartida para as súas fillas e que, segundo denunciou, non se cumpre, e desde ese día non volveu ter ningún contacto coas menores.
Ante a porta do xulgado da localidade coruñesa, xunto a Carlos Varela, concentráronse varias decenas de persoas para mostrarlle o seu apoio ante a situación que denuncia. Este pai de dúas nenas de 10 anos, explicou que en decembro de 2021 o Xulgado de Arzúa ditou sentenza dándolle ás menores e aos proxenitores a custodia compartida tras solicitala el no ano 2017.
Segundo relatou, despois de máis de seis meses desde que se ditou a sentenza, non se cumpriu, e desde o 15 de xuño non volveu ver ás menores. Por este motivo, iniciou esta serie de concentracións e ademais lanzou unha campaña de firmas para instar á xustiza a que resolva a execución da sentenza e solucione esta situación. Polo momento, case 1.500 persoas mostraron o seu apoio.
Nesta mesma liña, Carlos Varela explicou que "é unha pena" que estes casos non se resolvan cunha maior celeridade e pide á administración que habilite máis xulgados de Familia para poder resolver estas situacións con "máis urxencia". "Polo tipo de procesos que son, estas causas deberían levar a sitios como os xulgados de Familia para resolvelos con máis urxencia porque isto non é coma se fose un piso ou unha leira que se pode esperar dous anos para que se resolva", defendeu.
Sobre casos deste tipo, a secretaria da Asociación Galega de Pais e Nais Separados asegurou que a entidade ten coñecemento de máis casos semellantes en Galicia, nos que "unha parte da parella non deixa ver aos fillos" e os xulgados teñen cada vez "máis complicacións" para facer cumprir as sentenzas porque se interpoñen máis recursos e o proceso "párase". Nese momento, lamentou, "os nenos deixan de ver a unha parte da familia".
"Este é un claro exemplo do que non se pode chegar a ver porque leva máis de cinco meses esperando a que se cumpra unha sentenza que se ditou e o último recurso foi manifestarse diante dun xulgado. A iso non deberiamos chegar ninguén", expresou Isabel Pereira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.