Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 11/07/2022 | Actualizada ás 15:43
O museo científico Domus da Coruña renovou, tras 27 anos de reproducións, o módulo do parto das súas instalacións con dúas novas pezas audiovisuais: un vídeo cedido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) e un fragmento da película 'Quien a hierro mata', de Vaca Films.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou este luns os vídeos que integran esta sección aberta de novo ao público. No acto estivo acompañada pola directora técnica de Domus, Patricia Barciela, e polo exdirector do centro, Moncho Núñez. "Este módulo foi pioneiro no coñecemento do ser humano, mostrando de forma gráfica o principio do mundo", destacou a rexedora.
Respecto dos novos visionados, a directora do museo indicou que ambos os vídeos son partos "reais e naturais" que mostran "de forma explícita" un parto. "Queremos seguir ampliando o número de pezas para ensinar a diversidade", anunciou. Moncho Núñez, pola súa banda, puxo en valor o impacto do vídeo do parto orixinal, "un dos atractivos do museo" que marcou a "tantas e tantas xeracións".
Os directivos da Domus coincidiron en que a proxección no ano 1995 dun parto explícito "en aberto e para todos os púbicos" supuxo unha novidade que "a día de hoxe, segue sen ter analogías noutros grandes museos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.