Relato de País

Algúns lectores fixéronme chegar as súas achegas a respecto do artigo da semana pasada sobre a Marca-Galicia. E unha delas, dunha cidadá da Mariña luguesa, resume aqueladamente o sentido xeral destas: “Xoán, está ben facermos unha Marca-País, pero eche ben máis importante termos un Relato de País”.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 24/08/2014

Comparte esta noticia
E si, á sociedade galega cúmprelle un relato para respostar as preguntas “quen somos?” e “onde imos?” de xeito que unha ampla maioría da cidadanía galega poida reflectirse nel. E teño para mín que un tal relato habería pensar máis en ofrecer propostas en positivo ca  resistencialismos ou definicións “en contra”. Tamén por proxectar os nosos valores de modernidade e os nosos campións científicos, empresariais e tecnolóxicos. Galicia é o País onde remata o camiño, principal itinerario cultural europeo. É o País dos cientificos Angel Carracedo e Jorge Mira, dos deportistas Raña, Gómez Noya ou Verónica Boquete. E de Inditex, coas súas luces e, tamén, coas súas sombras.
 
Este relato habería ser inclusivo: Galicia é plural e un tal relato habería integrar e interpretar esta pluralidade. O que esixe unha grande cordialidade e apertura a respecto de España e dos demáis países europeos e iberoamericanos. Mais tamén por copiar dos modelos que interesan. E eses non pasan hoxe, de certo, por ollar cara Madrid, senón por aprender democracia directa e participación cidadá dos suizos e californianos, de explotacións forestais dos suecos, de fomentar as exportacións dos vascos, de ordenar o territorio e potenciar o turismo dos escoceses ou de explotar os portos de flamengos e holandeses.
 
Este relato habería apostar pola cohesión social. A educación e sanidade públicas e os servizos sociais de calidade son conquistas que definen un modelo de sociedade orientada á convivencia e ao equilibrio.Un tal relato habería apostar polo equilibrio  e declarar  á exclusión social como o maior inimigo público.
 
Este relato apostaría, en fin, por unha Galicia con vocación de concorrencia no mundo con voz propia, como país de noso e non como provincia ou rexión. O que obrigaría a definir os instrumentos políticos de integración do País na Unión Europea e no Estado, como mínimo dende esquemas de soberanía partillada.  Esixíndoos dende a firmeza máis cordial.            
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.