Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2022 | Actualizada ás 17:27
A Xunta rebaixou a nivel de alerta por altas temperaturas nas provincias da Coruña e Pontevedra, aínda que o máximo (3) mantense en Ourense e en todo o territorio de Lugo fóra da Mariña.
En concreto, a Xunta informou de que continuarán en nivel 3 (máximo) todas as zonas da provincia de Ourense e de Lugo, excepto A Mariña. O resto de Galicia estará en nivel 2 por episodio de calor, excepto as zonas do Oeste e suroeste da Coruña, e a zona das Rías Baixas en Pontevedra, que pasará a nivel 1.
Meteogalicia informa de que a Comunidade continuará aínda durante o fin de semana baixo a influencia da masa de aire cálido de orixe norteafricana que leva sobre a Comunidade desde o pasado venres. Está impulsada polas altas presións localizadas ao norte da Península Ibérica e unha DANA (Depresión Illada en Niveis Altos) situada no Atlántico.
Esta DANA irase achegando progresivamente a Galicia, desaloxando lentamente a masa de aire cálido, pero ese desaloxo non sucederá previsiblemente ata o luns.
Isto deixa unha previsión de temperaturas moi extremas, tanto mínimas como máximas, en moitos puntos do interior da Comunidade ata o domingo. No litoral, o achegamento da DANA e a presenza de brisas e algunhas néboas suavizarán localmente a forte sensación térmica de calor, pero as temperaturas, aínda que non tan altas como en días anteriores, seguirán sendo aínda elevadas en xeral.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.