Advertencia dos expertos sobre Altri: causará asma, bronquite crónica, EPOC ou deterioro cognitivo

"A dimensión do proxecto, o seu consumo desmesurado de recursos naturais, a súa proximidade a núcleos habitados e a acumulación de riscos ambientais e sociais, deixan claro que non estamos ante un risco hipotético, senón ante unha ameaza certa, previsible e perfectamente evitable", denuncia a neurocientífica galega Sonia Villapol.

Por Ángela Precedo | LUGO | 20/04/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A planta de macrocelulosa proxectada por Altri en Palas de Rei foi presentada como unha grande oportunidade económica para Galicia, con promesas de emprego e desenvolvemento industrial. Sen embargo, o proxecto espertou unha forte oposición en diversos sectores da sociedade galega, que alertan sobre os seus posibles impactos medioambientais, económicos e sociais. Nesta serie de reportaxes, exploramos as principais preocupacións que rodean a instalación desta factoría, dando voz a quen advirten dos seus riscos. Dende a calidade do aire e a auga ata as consecuencias para a saúde da poboación e dos traballadores, pasando polo impacto no sector forestal, a economía local e o modelo de desenvolvemento que Galicia precisa. Nesta primeira peza, centrámonos nos riscos sanitarios que podería traer consigo a industria da celulosa masiva: que implicacións tería para quen habitan na comarca? Que ensinan experiencias semellantes noutras partes do mundo ou na nosa propia terra? A neurocientífica galega Sonia Villapol, que traballa no Texas Medical Center de Houston, onde é investigadora principal e profesora, arroxa luz sobre este asunto.

Varios barcos durante unha nova manifestación contra Altri, a 22 de marzo de 2025, en Pobra do Caramiñal
Varios barcos durante unha nova manifestación contra Altri, a 22 de marzo de 2025, en Pobra do Caramiñal | Fonte: Elena Fernández - Arquivo

Para a doutora, non cabe ningunha dúbida de que, "dende unha perspectiva de saúde pública, a instalación da planta de Altri na Ulloa representa un risco real e inaceptable". Así, sinala que a análise detallada do proxecto Gama, xunto coa ampla evidencia científica dispoñible, indican que "unha exposición aos contaminantes que esta macrocelulosa xeraría, así como ás verteduras ao río Ulla, podería ter consecuencias severas tanto para os traballadores da fábrica como para a poboación da contorna". E é que "estes axentes están claramente asociados a un aumento da incidencia de enfermidades respiratorias, cardiovasculares, neurolóxicas e oncolóxicas, así como a efectos sobre o desenvolvemento infantil, a saúde mental e o benestar da comunidade". Ademais, Villapol apunta a que "a ausencia de estudos observacionais previos, nin transversais nin lonxitudinais, sobre o impacto sanitario de celulosas xa existentes en Galicia, como é o caso de Ence en Pontevedra --aínda que a menor escala--, evidencian unha grave carencia de avaliación epidemiolóxica nun sector altamente contaminante". Por se este motivos non fosen suficientes, habería que sumar "a falta de garantías por non haber un sistema de vixilancia ambiental e sanitaria transparente, independente e permanente".

É por iso que, para Villapol, non hai dúbida de que "a dimensión do proxecto, o seu consumo desmesurado de recursos naturais, a súa proximidade a núcleos habitados e a acumulación de riscos ambientais e sociais, deixan claro que non estamos ante un risco hipotético, senón ante unha ameaza certa, previsible e perfectamente evitable". A doutora pide entón, "dende unha óptica científica e de saúde pública, aplicar con firmeza o principio de precaución". "Non é unha opción, senón unha responsabilidade social", asegura, e incide no innecesario de "expor á poboación da comarca e ás futuras xeracións a un modelo industrial intensivo, contaminante e que non contribúe ao obxectivo global de cero emisións netas para 2050", senón a "comprometer a saúde colectiva e o futuro do territorio". Ademais, resalta que "a perda de calidade ambiental, a degradación dos ecosistemas e o impacto sobre sectores sostibles como a agricultura, a gandaría ou o turismo tamén terán consecuencias indirectas, pero decisivas, na saúde social, emocional e económica da poboación". En resumo, e antes de pasar a falar máis detalladamente de todos os riscos a nivel sanitario que supón Altri, Villapol advirte de que "este proxecto non só representa unha ameaza ambiental, senón tamén un potencial risco sanitario a curto e longo prazo".

ENFERMIDADES RESPIRATORIAS, CARDIOVASCULARES E CERTOS TIPOS DE CANCRO, SEN ESQUECER O ESTRÉS PSICOSOCIAL

"Os principais riscos para a saúde que identificamos na nosa análise do proxecto Gama teñen que ver coa exposición prolongada ás emisións contaminantes que xeraría a planta, como os compostos orgánicos volátiles, as partículas finas en suspensión e os óxidos de xofre (SO2) e de nitróxeno (NOx)", sinala Villapol, que resalta que "estes contaminantes están asociados a enfermidades respiratorias, cardiovasculares e mesmo a certos tipos de cancro". Pero a cousa non queda só nos riscos desas emisións á atmósfera, senón que tamén hai que ter en conta as verteduras. "As verteduras ao río Ulla representan unha ameaza importante para a calidade da auga e dos ecosistemas acuáticos", apunta a investigadora, que asegura que este feito "pode ter un impacto directo na saúde pública da poboación a través da cadea alimentaria, afectando á agricultura, á gandaría e á actividade marisqueira". Neste punto, cómpre sinalar que "a choiva ácida, que dana aos ecosistemas, ao solo e ás augas, tamén ten efectos indirectos na saúde humana, a través da contaminación da auga e das fontes de alimentos", de maneira que "a inxecta de alimentos contaminados pode alterar a microbiota intestinal, debilitar o sistema inmunitario e ser a causa de diversas enfermidades".

Proposta de cinto verde en torno a megacelulosa, proposta por Altri
Proposta de cinto verde en torno a megacelulosa, proposta por Altri | Fonte: Remitida - Arquivo

Así mesmo, convida a non esquecer "o impacto sobre a saúde mental e o benestar social". "A incerteza e a preocupación que xerou este proxecto están a provocar un estrés psicosocial na poboación". Nin tampouco que "os traballadores da planta estarían expostos a produtos químicos e a veciñanza sufriría molestias derivadas dos cheiros, o ruído, os movementos de terra e a perda de calidade ambiental, co conseguinte impacto para o seu benestar físico e mental", expón. Ademais, sinala que "a perda de calidade ambiental e paisaxística, nunha comarca que se identifica co respecto ao territorio e ao desenvolvemento sostible, tamén é unha maneira de deterioro da saúde colectiva". "A dimensión do proxecto, o seu consumo intensivo de recursos naturais e a falta de transparencia nalgúns datos ambientais, como as emisións de partículas finas, incrementan aínda máis a preocupación pola súa repercusión sobre a saúde pública", advirte Villapol. Así as cousas, incide en que "o impacto combinado das emisións atmosféricas e as verteduras constitúen un risco evidente para a saúde pública, tanto directa como indirectamente".

ASMA, BRONQUITE CRÓNICA, EPOC, HIPERTENSIÓN, INFARTO, ICTUC, ALZHÉIMER, DETERIORO COGNITIVO, PÁRKINSON...

A doutora lembra que estamos falando dunha macrocelulosa que ocuparía 366 hectáreas e produciría 400.000 toneladas de celulosa, ademais de 200.000 toneladas de lyocell, só na primeira fase, tal e como indica o propio informe do proxecto Gama. Este informe tamén confirma que existirá unha planta de manipulación de produtos químicos, entre outros, o ácido sulfúrico, sulfato de socio, e unha planta de produción de ozono. E advirte que "existen outros contaminantes incluídos que non foron medidos nos modelos presentados, o que non significa que non vaian afectar á contaminación". Máis en concreto, detalla que "os contaminantes atmosféricos sinalados no propio informe do proxecto, como son o dióxido de xofre, os óxidos de nitróxeno, o monóxido de carbono, as partículas finas (PM2.5 e PM10) e os compostos orgánicos volátiles, están amplamente asociados a enfermidades respiratorias, cardiovasculares, hormonais e a distintos tipos de cancro, especialmente en situacións de exposición prolongada". Estes efectos adversos, segundo detalla, "poden producirse mesmo cando os niveis de emisión permanecen dentro dos límites legais establecidos polos decretos vixentes de 2007 e 2011", uns límites que, por outra banda, "a comunidade científica cualifica xa como obsoletos e insuficientes".

Desta maneira, pódese dicir, sen lugar a dúbidas, que o proxecto Gama supón un verdadeiro risco para a saúde, pois múltiples enfermidades poderían ver incrementada a súa incidencia pola exposición aos seus contaminantes. "Tanto a curto como a longo prazo, as verteduras ao Ulla e as emisións atmosféricas poden contribuír ao desenvolvemento ou agravamento de enfermidades respiratorias --asma, bronquite crónica, EPOC--, cardiovasculares --hipertensión, infarto, ictus-- e neurolóxicas --Alzhéimer, deterioro cognitivo, párkinson--. Ademais, resalta que "hai estudos recentes que tamén vinculan a exposición prolongada á contaminación do aire con trastornos psiquiátricos". E "a inflamación crónica e o estrés oxidativo provocados por contaminantes como as partículas finas, os compostos volátiles ou os óxidos de nitróxeno afectan directamente ao cerebro e ao sistema cardiovascular". Deste xeito, Villapol advirte de que, "aínda que a exposición puntual a baixas concentracións poida non producir efectos evidentes, a exposición crónica si ten un efecto acumulativo que pode desencadear enfermidades graves".

GRUPOS DE POBOACIÓN MÁIS VULNERABLES: PERSOAS MAIORES, MULLERES EMBARAZADAS E PERSOAS CON PATOLOXÍAS PREVIAS

Agora ben, todos os grupos de poboación son iguais de vulnerables a estes efectos? Como xa avanzou, Villapol resalta que "os grupos máis vulnerables aos efectos da contaminación asociados ao proxecto Gama son as crianzas, as persoas maiores, as mulleres embarazadas e as persoas con enfermidades crónicas respiratorias ou cardiovasculares". "Estes colectivos teñen un sistema inmune máis sensible ou comprometido, o que os fai especialmente propensos a sufrir os efectos da exposición continua a contaminantes presentes no aire e na auga", explica. En consecuencia, "vivir preto dunha planta industrial deste tipo, tanto durante a fase de construción como de operación, supón estar exposto a emisións constantes, movementos de terras, tráfico pesado e ruídos, todos eles factores que afectan negativamente á calidade de vida e á saúde destas persoas". Ademais, a doutora resalta que "a inhalación de partículas finas pode provocar na poboación xeral tose, irritación da gorxa, dificultade para respirar e, no caso de chegar ao torrente sanguíneo, contribuír ao agravamento de enfermidades cardiovasculares". Para Villapol, resulta "especialmente preocupante que estas emisións poidan afectar de forma silenciosa e progresiva a persoas xa fráxiles".

Así as cousas, tilda de "irresponsable e inxustificable afirmar que o proxecto de Altri carece de impacto significativo sobre a saúde humana". Ademais, convida a non esquecer que a afectación á saúde non só se dará na poboación xeral, senón tamén nos propios traballadores, e en maior medida, se cabe. "Estudos internacionais constatan non só a elevada prevalencia de morbilidades comúns nos traballadores das industrias de pasta e papel, senón as particularidades da súa distribución segundo o sector", apunta a doutora. Os traballadores de Altri estarían expostos de forma directa e continua aos contaminantes, polo que, como evidencia Villapol, "deberían estar informados dos riscos para a súa saúde". E é que, como resalta, "estudos epidemiolóxicos ocupacionais demostraron asociacións entre o traballo na industria da celulosa e un maior risco de desenvolver varios tipos de cancro, incluíndo linfomas, cancro de pulmón, vexiga, páncreas, cerebro e órganos reprodutores". "Estes efectos atribúense á exposición crónica a contaminantes como compostos orgánicos volátiles, entre eles benceno, formaldehído e acetaldehído, partículas finas e po de madeira, compostos derivados do xofre como o ácido sulfhídrico, e metais pesados como o manganeso ou o cadmio, todos eles presentes no informe de Altri", destaca a doutora.

Sonia Villapol, neurocientífica galega en Houston
Sonia Villapol, neurocientífica galega en Houston | Fonte: UDC - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta