Por E.P. | Santiago de Compostela | 18/07/2022 | Actualizada ás 21:01
O xerente da Universidade de Santiago de Compostela, Javier Ferreira, trasladou que o erro denunciado pola Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC), acerca das notas dos candidatos para os contratos predoutorais que oferta a institución, "non existe".
Ferreiro indicou que esta ponderación entre diversas titulacións "non prexudica os alumnos respecto doutras áreas de investigación". A ponderación, como explicou o xerente da USC, realízase pola "necesidade da área de investigación", é dicir, priman áreas que carecen de docentes.
Doutra banda, esta convocatoria para os contratos predoutorais abriu o 29 de decembro de 2021. Con 22 prazas para 206 estudantes convocados, foi corrixida o 3 de xaneiro debido á omisión de varias áreas. Finalmente, este 7 de xullo outorgáronse as prazas correspondentes por orde de nota.
Respecto da convocatoria, as bases da USC explican que a ponderación presenta dúas fases: a primeira, calcula a relación entre a nota media do estudante e a da súa titulación, na súa universidade e o conxunto estatal, e, tras iso, realízase a ponderación pola afinidade do grao ou máster cursado polo alumno respecto á área correspondente da Administración Nacional de Educación Pública (ANEP).
DENUNCIA DE AIC
AIC denunciou un fallo no punto do epígrafe de méritos xerais --40% da nota de admisión_ que penaliza "os bos expedientes de alumnos cursados en titulacións con baixa nota media". Esta situación, segundo a organización, afectaría a 260 estudantes.
Doutra banda, a asemblea cualificou esta situación como unha "equivocación grave". Ademais, tras non recibir resposta por parte da USC polos erros, a AIC criticou a "imprudencia e pasotismo" da universidade.
Para finalizar coa súa mensaxe, a AIC instou a USC a recoñecer publicamente o erro e buscar unha solución que presente o cálculo correcto. A pesar diso, a postura da USC é clara e considera que este erro non existiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.