O Mundo Celta de Ortigueira volveu con máis forza que nunca

Máis de mil días pasaron entre os dous últimos festivais do Mundo Celta de Ortigueira, unha agarda que se fixo sentir nunha das mellores edicións dun dos mellores festivais musicais do mundo

Por Galicia Confidencial | Ortigueira | 19/07/2022 | Actualizada ás 10:47

Comparte esta noticia

Guido Álvarez / Ortigueira. 14 de xullo do ano 2019, alameda de Ortigueira, concertazos das Tanxugueiras, Leilía, O Fiadeiro e Andrés Penabad... poucas persoas naquel momento poderían imaxinar o que pasaría no mundo e na música galega os anos seguintes.

O tren chegando a Ortigueira dende Ferrol (Foto: Guido Álvarez Parga)
O tren chegando a Ortigueira dende Ferrol (Foto: Guido Álvarez Parga)

Case 3 anos despois, o 10 de xullo do 2022, as mesmas Tanxugueiras de aquel día, foron unhas das encargadas de abrir #OMáisLongoDaHistoria de entre todos os Festivais de Ortigueira que se celebran dende o ano 1978. Polo medio nada menos que unha pandemia que obrigou a suspender o festival no 20 e no 21, e tamén unha -de moitas- noticia superpositiva: unha auténtica revolución para a cultura e a música galega grazas en grandísima medida a Aida Tarrío, Olaia Maneiro e Sabela Maneiro.

No 2022 o celtismo pasou revista na comarca de Ortegal e a calificación non puido ser superior: o reto dos 8 días de festival cumpriuse con nota e probablemente será esta unha das edicións máis recordadas con diferencia.

"UN RAPAZ AUSTRALIANO VOOU DENDE SIDNEY SÓ PARA VER A BAIUCA EN ORTIGUEIRA"

Xuntáronse algúns dos mellores grupos galegos do momento, tanto consolidados como emerxentes, e non faltaron á cita convidados de luxo dende as outras nacións celtas: concertos principais, pasacalles, actividades de todo tipo, un ambientazo na zona de acampada... ningún dos ingredientes fallou.

Un que leva case 20 anos indo (dende o 2003 só faltei unha vez, no 2012, que me cadrou vivindo en Francia e con compromisos) alucinei coa masiva afluencia non só os “días grandes” -os que cadraron en fin de semana- senón tamén nos que era menos previsible: luns, martes e mércores foron días verdadeiramente memorables entre recitais, foliadas e músicas improvisadas en calquera recuncho ortegano. Unha anécdota: faláronme dun rapaz australiano que voou dende Sidney só para ver a Baiuca en Ortigueira! Creo que ese pode ser un dos mellores resumos do momento de Ortigueira e da nosa música.

Imaxe nocturna na zona de acampada no Piñeiral de Morouzos (Foto: Guido Álvarez Parga)
Imaxe nocturna na zona de acampada no Piñeiral de Morouzos (Foto: Guido Álvarez Parga)

Estampa nocturna da zona de concertos (Foto: Guido Álvarez Parga)
Estampa nocturna da zona de concertos (Foto: Guido Álvarez Parga)
Ambiente nos concertos de Ortigueira (Foto: Guido Álvarez Parga)
Ambiente nos concertos de Ortigueira (Foto: Guido Álvarez Parga)
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta