Asime e Deputación de Pontevedra poñen en valor o papel das mulleres na enxeñaría

Abordan a necesidade de potenciar o perfil das mulleres tecnólogas a través a experiencia de mulleres enxeñeiras referentes na industria da comarca.

Por E.P. | VIGO | 21/07/2022 | Actualizada ás 18:20

Comparte esta noticia

A Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime) e a Deputación de Pontevedra celebraron este xoves, en colaboración co Colexio de Enxeñeiros de Galicia, unha xornada sobre o papel das mulleres na enxeñaría. No encontro, inaugurado polo secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, e pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, abordouse a necesidade de potenciar o perfil das mulleres tecnólogas a través da experiencia de mulleres enxeñeiras referentes na industria da comarca.

Neste sentido, Mallón explicou a importancia da iniciativa Tecnolóxicas, que pretende apoiar o talento e o emprego feminino. "É un proxecto histórico e ilusionante que iniciará unha nova tendencia no emprego tecnolóxico feminino. Por primeira vez imos facer confluír as necesidades das empresas coa formación das mulleres para que se produza un cambio real", indicou, segundo recolle Asime nun comunicado.

Pola súa banda, Silva puxo en valor que as mulleres "non son un colectivo", senón que son a metade da poboación mundial. "Excluílas dos empregos do futuro, que son tecnoloxía e innovación, é perder a metade do talento", lamentou. "Neste contexto, Tecnolóxicas é un proxecto intelixente e necesario. Faltaba o alicerce da industria, para formar, mentorizar e integrar estas mulleres en postos tecnólogos que ademais se convertan en referentes na contorna no que viven", reivindicou.

Durante o evento foron moitas as mulleres que reflexionaron sobre esta situación, como é o caso de Chelo Domínguez, directora de GKN Vigo, do sector da industria auxiliar do automóbil. "Hai que fomentar que as mozas novas escollan con personalidade, fomentar as vocacións desde a divulgación en idades temperás, onde está o maior escollo", subliñou.

"A enxeñaría é xa de seu unha profesión gris, ninguén sabe moi ben o que facemos. Que os nenos e nenas non saiban o que fai un enxeñeiro e que non vexan ás mulleres facéndoo fai que non se escollan esas vocacións", lamentou a senior project manager do tamén fabricante de compoñentes automobilísticos Gestamp Vigo, Marta Fernández Docampo.

Xornada Tecnolóxicas de Asime.. ASIME
Xornada Tecnolóxicas de Asime.. ASIME | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta