Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/07/2022 | Actualizada ás 16:22
A situación dos incendios puxo en alerta a entidades ecoloxistas e agrarias ante as consecuencias que prevén e que xa están enriba da mesa tras 30.000 hectáreas calcinadas. Non en balde, a asociación ecoloxista Arco Iris, sobre a base dos cálculos dos edafólogos, advirten do risco de erosión de 768.000 toneladas de terra vexetal.
Concretamente, explica que os edafólogos cifran a perda medida de chan por hectárea e ano xerada tras os incendios forestais en 24 toneladas por hectárea no primeiro ano e 4,8 toneladas por hectárea no segundo, como consecuencia das choivas torrenciais. Nos casos máis graves, chegáronse a medir perdas de 50 toneladas por hectárea e ano.
Neste sentido, Arco Iris sinalou que as 32.000 hectáreas calcinadas ata o domingo arroxarían un balance total de 768.000 toneladas de terra vexetal en perigo de erosión, no "mellor dos casos".
Ademais, a entidade ecoloxista lembra que estes incendios alcanzaron altisimas temperaturas e puideron afectar "en profundidade" o manto de chan. Así mesmo, os lumes cebáronse especialmente en zonas con fortes pendentes, o que "podería agravar aínda máis a cifra aproximada".
A esta situación, hai que engadir que as canles fluviais como o río Lor sufrirían procesos de colmatación (recheo dunha conca sedimentaria con materiais detríticos arrastrados e depositados pola auga) e eutrofización (o proceso de contaminación máis importante das augas en lagos, balsas, ríos, encoros), que "porían en serio risco a súa continuidade como ecosistemas".
Por iso, piden á Xunta "medidas drásticas de emerxencia" para "paliar no que se poida este tremendo desastre ambiental que se aveciña e que podería hipotecar para sempre moitas zonas forestais de gran interese", que se "perderían de forma irreversible".
PROTOCOLO DE ACTUACIÓN
Nesta liña, a asociación Amigos da Terra enviou un protocolo de actuación ante a situación actual, co fin de "non aumentar o dano", de igual modo, ilustra, que a un ferido hai que ter moito coidado ao movelo. Por iso, o primeiro que advirte esta entidade é "evitar retirar restos queimados", posto que esa maraña de esqueletos "reteñen toneladas de chan".
Outra das recomendacións nesta situación de "UCI" do monte é "evitar no posible pisar e circular por zonas queimadas, non esparexer sementes sen garantías, pois podería favorecerse especies invasoras nas zonas queimadas (acacia, mimosa, herba da pampa, gramón, céspedes...).
Ante calquera dúbida, pídese á cidadanía que consulte cales son as actuacións adecuadas. Entre elas, Amigos da Terra pide non labrar terreo, evitar a entrada de gando, esparexer palla (de cereais), brozar zonas non afectadas, facer filtros vexetais ou pequenos diques preto das correntes de auga e franxas perpendiculares á pendente, todo iso co obxectivo de reter o chan e evitar as escorrentías que contaminarían os regachos, ríos e rías.
A asociación ecoloxista, que tamén aposta por instalar refuxios de fauna, caixas niño e comedores de aves, advirte de que o problema "só se poderá solucionar usando instrumentos sociais", con educación ambiental e unha aposta por un "rural vivo, sustentable e harmonicamente respectuoso coa natureza".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.