Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/07/2022 | Actualizada ás 16:54
Investigadores descubriron na Illa de Cortegada unha nova especie de fungos --physalacria auricularioides-- única no mundo e que se localiza por primeira vez neste lugar. Segundo informou a USC, o xénero ao que pertence Physalacria inclúe máis de 40 especies coñecidas, case todas elas saprofitas --que se alimentan de materia en descomposición-- e localizadas no hemisferio sur e nos trópicos.
Tal e como explica o investigador da USC Saúl de la Peña-Lastra, un dos responsables deste achado, "crese que as especies que se atopan no hemisferio norte foron introducidas alí xunto coas súas plantas hóspedes".
Ata agora, a ph. stilboidea (especie hóspede Griselinia littoralis) e a ph. cryptomeriae (especie hóspede Cryptomeria japonica), eran as únicas especies de physalacria coñecidas en Europa. Esta nova especie é difícil de atopar debido ao seu reducido tamaño e á súa cor pouca destacable. Ademais, crece e aliméntase sobre as puntas das ramas mortas de castiñeiros.
A USC lembrou que a illa de Cortegada presenta "unhas condicións ambientais, forestais e históricas que fan que sexa un enclave especial, non só en Galicia, senón en España e en Europa", sendo "especialmente destacable a presenza dunha laurisilva de gran importancia ecolóxica".
Nunha superficie tan pequena localizáronse ata a data máis de 800 especies de cogomelos, estando o seu estudo aínda en curso (estímanse máis de 1.000 especies). Os xabaríns son neste lugar o inimigo principal dos fungos, debido a que non se limitan a comer os corpos frutíferos (cogomelos) senón que tamén destrúen e consomen o micelio, deixándoo en contacto co aire.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.