As vítimas do Alvia maniféstanse "en busca de xustiza" nove anos despois

Esixen aos exiministros de Fomento, Ana Pastor e José Blanco, que asuman as súas responsabilidades políticas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2022 | Actualizada ás 15:36

Comparte esta noticia

Familiares e vítimas do Alvia sinistrado na parroquia compostela de Angrois en 2013 manifestáronse este domingo 24 de xullo --noveno aniversario do accidente-- na Praza do Obradoiro, onde volveron reclamar "o mesmo de sempre: xustiza". A manifestación, convocada pola Asociación Plataforma Vítimas do Alvia 04155, partiu ao redor das 12,00 horas da estación de ferrocarril da capital galega.

Varias persoas portan unha pancarta que pide xustiza para as vítimas do accidente de tren en Angrois durante unha manifestación, a 24 de xullo de 2022, en Santiago de Compostela. César Arxina - Europa Press
Varias persoas portan unha pancarta que pide xustiza para as vítimas do accidente de tren en Angrois durante unha manifestación, a 24 de xullo de 2022, en Santiago de Compostela. César Arxina - Europa Press

Familiares e vítimas do Alvia sinistrado na parroquia compostela de Angrois en 2013 manifestáronse este domingo 24 de xullo --noveno aniversario do accidente-- na Praza do Obradoiro, onde volveron a reclamar "o mesmo de sempre: xustiza".

"É triste que nove anos despois, no canto de só render homenaxe ás vítimas, teñamos que seguir pedindo xustiza e reivindicando unha investigación independente que todos se negan a facer", recoñeceu o presidente e portavoz da Asociación Plataforma Vítimas do Alvia 04155, Jesús Domínguez, en declaracións aos medios.

Minutos antes de arrincar a manifestación, que partiu ao redor das 12,00 horas da estación de ferrocarril compostelá, Domínguez atendía os medios e apuntaba que, aínda que do xuízo que se iniciará en outubro "saia unha sentenza, non haberá xustiza". "A xustiza lenta non é xustiza e para cando acabe o proceso pasarían 10 anos do accidente", lembrou.

Aínda que di "non perder a esperanza", considera que o xuízo nace "coxo e débil". "A inacción dos xuíces e o fiscal, os informes que din que Renfe e Adif negaron información... A xente ten que saber que, a pesar de que o primeiro xuíz quería que houbese uns peritos independentes, por sorteo, a Xunta --concretamente o señor Rueda-- impuxo uns peritos, funcionarios, que non son obxectivos e que non tiñan experiencia no ferrocarril. O poder executivo mete man na xustiza", afirma.

Esperanza Fernández, tamén membro da asociación con tres familiares falecidos, recoñecía o "desgaste" das familias ante a "peregrinaxe constante" por todo tipo de institucións "en busca sempre do mesmo: xustiza".

PARTICIPACIÓN DO BNG

Os parlamentarios nacional e europea do BNG Néstor Rego e Ana Miranda mostraron o seu apoio ás vítimas e sinalaron que non abandonarán a loita "xustísima" dos familiares. Rego explicou que hai meses aprobouse no Congreso dos Deputados a creación dunha nova comisión parlamentaria, "que se paralizou a petición das familias porque querían esperar ao xuízo, que se prevía para marzo, para engadir á comisión os elementos que saísen á luz no proceso xudicial. "Na comisión anterior non se deu toda a información que debería darse", aseverou.

Tanto Rego como Miranda coincidiron en destacar o "traballo conxunto" do BNG coas familias e criticaron a inacción dos Gobernos central e autonómico, aos que acusaron de "complicidade descarada". "Non é normal que nove anos despois siga o caso aberto e non se depurou ningún tipo de responsabilidade política nin xudicial", censurou Ana Miranda, que incidiu no feito de que a Unión Europea recoñecese que "a comisión de investigación non foi independente e que non escoitou ás vítimas".

Respecto da situación en Europa, sinalou que a Comisión Europea abriu un procedemento por infracción en 2019 contra o Estado español por non cumprir a normativa de riscos. Un proceso que se atrasou, detallou, por diferentes motivos --"eleccións, un Goberno provisional e a pandemia"--, algo co que "non se conforman".

Ana Miranda avanzou que o próximo ano, con motivo do 10º aniversario da "traxedia ferroviaria máis importante de Europa dos últimos 25 anos" celebrarase no Parlamento Europeo unha conferencia sobre a seguridade ferroviaria europea "onde as vítimas de Angrois serán protagonistas". Tras percorrer algunhas das principais rúas da cidade, o case centenar de manifestantes concentrouse fronte á catedral ao berro de 'non están esquecidos, están moi presentes' ou 'Blanco, Pastor, responsables para cando?'.

MANIFESTO

Un dos membros da asociación, Juan Sierra --que perdeu un irmán no sinistro-- foi o encargado de ler ante os medios de comunicación, turistas e peregrinos, o manifesto da concentración. "Unha xustiza lenta non é xustiza. O ano que vén teremos unha sentenza pero non sabemos se é Xustiza. Algunhas vítimas e familiares faleceron ao longo destes anos, para eles nunca haberá xustiza", lamentan.

En canto ao descarrilamento 'político', lembran que en 2016 a Unión Europea concluíu no seu informe que o Goberno "non cumpriu coa obrigación de investigar pola falta de independencia e por non analizar as causas que precisamente afectan a Fomento, Renfe e Adif". A isto súmase, inciden, a confirmación por parte de Bruxelas a semana pasada de que segue aberto o procedemento de infracción a España por incumprir a normativa de seguridade --"deficiencias nas análises de riscos e investigacións"--.

Os afectados polo accidente sinalan directamente aos exministros de Fomento, o socialista José Blanco, e a popular Ana Pastor. A Blanco acúsano de publicitar que "a nova liña de alta velocidade contaba cos sistemas de seguridade que evitasen a traxedia".

CRÍTICOS CON RAJOY, SÁNCHEZ E FEIJÓO

Nesta liña, afean a conduta pública de "tratar por todos os medios de botar a culpa ao último elo da cadea, o maquinista", "contaminando a opinión pública". Por último, critican tamén a actitude de presidentes de Goberno e Xunta cara ás vítimas e aseguran que a pesar de solicitar en reiteradas ocasións unha reunión con Mariano Rajoy e Pedro Sánchez e Núñez Feijóo, seguen sen recibir ningunha resposta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta