Unha ruptura institucional

Rajoy ven de confirmar en Soutomaior a decisión do PP estatal de garantirlle as alcaldías ás candidaturas máis votadas. Unha solución formalmente constitucional e que só precisa da reforma da lei orgánica do réxime electoral xeral (LOREX), para o que abonda a maioría absoluta popular en ambas as dúas Cámaras estatais. Pero que conleva, a pouco que se olle para ela, unha auténtica ruptura institucional.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 01/09/2014

Comparte esta noticia
As regras do xogo electoral constitúen unha normativa que precisa do consenso social, doutro xeito as Institucións afástanse fatalmente da cidadanía. E, no Estado español, a normativa de elección de alcaldes e concelleiros remanece case invariábel dende 1979. Modificala a seis meses da convocatoria electoral só se entende en termos de defensa do interese partidista conxuntural do PP. Velaí a noxenta parcialidade desta decisión.
 
Porque é falso que esta medida resposte aos intereses da cidadanía, que segundo as últimas enquisas rexeita maioritariamente esta opción. E que busque máis democracia. O que se está a tentar é que unha minoría  (quizais  dun 23-26% do censo electoral) monopolice o poder local, rachando a regra da proporcionalidade representativa que informa as nosas Institucións. Regra, por certo, xa ben deturpada en prexuizo da participación e da representatividade populares pola inxustiza da atribución de escanos D´Hondt e polo elevado limiar do 5% que ten deixado ás veces ás portas dos Concellos máis do 25% do voto cidadán.
 
Unha maioría parlamentaria que é quén de rachar as regras do xogo institucional cando moi logo se vai asubiar o comezo do partido constitúe un perigo para a democracia. Porque, no canto de apostar pola integración das minorías no xogo institucional, tenta excluir as maiorías sociais da gobernanza, ao coñecer de súpeto que o seu devalo electoral-ben patente nunhas europeas nas que perdeu, na Galicia, dezaoito puntos a respecto das europeas do 2009- lle vai impedir o control que mantiña até de agora en moitos concellos.
 
As regras electorais dunha democracia han nacer da concertación e do consenso. Impoñelas dende unha maioría episódica que xa non representa á maioría social nos leva, fatalmente, contra as rochas da confrontación social e do autoritarismo. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.