Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2022 | Actualizada ás 18:36
O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, mostrouse "tremendamente decepcionado" coa nova proposta da ABAU, que "reduce a calidade e o nivel de esixencia". Os conselleiros de Educación das diferentes Comunidades autónomas debateron a proposta do Ministerio de Educación nunha reunión celebrada este mércores, da que o titular de Educación afeou as formas.
"Chegamos á reunión sen ningún tipo de documento oficial. Non sabiamos que se ía a tratar e decatámonos unha hora antes, cando se nos remitiu o documento. E unha vez máis decatámonos polos medios", criticou, asegurando ademais que se trata dunha "falta de respecto absoluta ao Estado autonómico". Xa en canto ao contido da reunión, Román Rodríguez tacha a proposta de "absolutamente decepcionante", principalmente porque non corrixe a desigualdade entre comunidades no acceso á universidade; unha "oportunidade perdida" para o conselleiro.
Explicou que o Ministerio descarta "de forma absoluta" facer unha proba única ou o máis homoxénea posible. "Iso só consolida desigualdades entre os alumnos que queren acceder ao sistema, que teñen unha única porta de entrada pero 17 camiños", apuntou. Deberíase, insiste, avanzar cara á igualdade entre a mocidade. "Que se pregunte o mesmo e se avalíe da mesma forma", insiste. "Estamos a asistir a un cambio do sistema de exame, tentando trasladar o modelo PISA cando tanto as consecuencias, como a metodoloxía e os obxectivos son diferentes", indica.
"Fálase tamén de reducir exames e contidos. O que leva a axenda xa habitual do Ministerio, que reduce así a calidade e o nivel de esixencia", lamenta. Insiste en que tanto a Xunta como outras comunidades están "moi preocupadas", pero tamén na vocación de Galicia de "sentar, acordar e falar".
PROPOSTA DO MINISTERIO
O Ministerio de Educación e Formación Profesional presentou este mércores aos conselleiros autonómicos do ramo a súa proposta de modelo de proba de acceso á Universidade, con menos exames e un exercicio de madurez e que estaría completamente implantada no curso 2026/2027.
Educación expón unha proposta de implementación que sexa gradual na estrutura, contidos e criterios de avaliación das probas, de modo que se abra unha certa marxe temporal de adaptación progresiva ao novo modelo, tanto por parte do profesorado como do alumnado.
Doutra banda, non se propón desenvolver unha proba de acceso aos estudos universitarios unificada, pero si conseguir acordos que permitan aos distintos territorios do Estado elaborar probas que sexan homologables entre estes. Crearanse grupos de traballo entre o Ministerio, as comunidades autónomas, as universidades e institutos de avaliación para establecer o deseño e a corrección.
No documento, recollido por Europa Press, o Ministerio avoga por que nos cursos 2023/2024, 2024/2025 e 2025/2026 se estableza un modelo en tránsito. Propón que o estudantado realice un total de 4 exercicios, contando cada un deles un 25% da nota.
Serán 3 exercicios de materias --un específico sobre a materia de modalidade obrigatoria da elixida polo alumnado (Matemáticas II ou Latín II, por exemplo), ademais dos exercicios das materias comúns de Historia da Filosofía e Historia de España-- e un cuarto exercicio de carácter xeral, no que "nestes tres primeiros cursos se valorarán principalmente as destrezas asociadas ao ámbito lingüístico, e que pretende avaliar principalmente a madurez académica do alumnado".
Xa a partir do curso 2026/2027 o citado exercicio xeral de madurez suporá un 75% da nota, pasando a substituír completamente os exercicios das materias comúns, "posto que se construirá sobre as competencias específicas de todas elas". Manterase o exercicio específico de modalidade (cun peso do 25% da nota). Por tanto, a partir deste momento, o alumnado realizará dous exercicios: un máis globalizado e outro de materia.
Educación explica que, en todos os casos, o exercicio xeral de madurez constará dun dossier formado por unha serie de documentos (textos, imaxes, infografías, gráficos, táboas, audiovisuais, etc.) que virarán ao redor dun mesmo tema, e no cal se pedirá ao alumnado que realice unha análise desde diferentes aspectos e perspectivas, respondendo a diversos tipos de preguntas (pechadas, semiconstruidas e abertas).
"Preténdese valorar a capacidade do alumnado para analizar, valorar, extraer información ou interrelacionar toda esa documentación, de forma máis ou menos guiada a través das preguntas ou propostas", argumenta o departamento de Alegría. Este exercicio constará de preguntas en castelán, a lingua estranxeira que estudase o alumno e tamén coa lingua oficial nas comunidades que conten con ela.
En relación coa cualificación global que conformará a nota final de acceso, o Ministerio aposta por manter o modelo actual e que se obteña calculando a media entre a nota de Bacharelato e a da proba de acceso á Universidade: un 60% sobre a nota do expediente e un 40% sobre a nota final da proba de acceso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.