As entidades locais e mancomunidades, as que peor xestionan as súas contas en Galicia

Tres entidades locais menores e 11 mancomunidades non presentaron as súas contas en 2020, algunhas de forma reiterada por cuarto ano seguido.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/07/2022 | Actualizada ás 11:35

Comparte esta noticia

O conselleiro maior de Contas, José Antonio Redondo, entregou este venres a memoria anual do ano 2021, que recolle os informes de fiscalización xerais referidos a 2020 e varios informes específicos. Como unha "medida para o fomento da obrigación de rendición", e sen prexuízo doutras cuestións, recomenda condicionar as subvencións públicas da Xunta a que as entidades locais rendan contas ante o órgano fiscalizador.

En xeral, segundo o documento entregado e recollido por Europa Press, o 100 por cen de concellos e deputacións cumpriron coa súa obrigación, aínda que non todos o fixeron en prazo. No entanto, tres entidades locais menores e 11 mancomunidades non presentaron as súas contas.

No documento, recóllese que a conta xeral da Comunidade autónoma reflicte "razoablemente" a actividade económico-financeira desenvolvida no exercicio 2020, aínda que se presentan "deficiencias" e "limitacións", recollidas nos respectivos informes.

NON PRESENTARON

Das 360 entidades principais do sector público local de Galicia (313 concellos catro deputacións, 34 mancomunidades e 9 entidades locais menores) renderon contas ao Consello de Contas, o 96,11 por cento.

O 74,44 por cento de entidades locais (268) presentaron as súas contas no prazo establecido na normativa (antes do 15 de outubro de 2021), cifras que son peores que as obtidas no exercicio anterior no que se recibiron 286 contas en prazo. O 21,67 por cento das entidades (78 entidades) presentaron as súas contas fóra de prazo.

Pola súa banda, 14 entidades locais (3,89%) non presentaran a súa conta á data do peche deste informe (21 de abril de 2022). Delas, tres son entidades locais menores (Bembrive, Camposancos e Vilasobroso) e as 11 restantes son mancomunidades: Augas de Rúa-Petín; Augas dos concellos de Carnota e Muros; Comarca Compostela; Concellos Serra do Barbanza; Intermunicipal Voluntaria da Baixa Limia; Ribeira Sacra; Servizos Vertedoiro de Residuos Sólidos Urbanos de Pontevedra e Sanxenxo; Terras do Navea-Bibei; Vales do Ulla e Umia; e Xallas-Tines-Tambre.

Ademais, seguen pendentes de recibirse 11 contas xerais correspondentes ao exercicio 2019, contas correspondentes ao ano 2018 e 12 contas xerais do exercicio 2017, con "importantes niveis de reiteración no incumprimento".

No caso das entidades que non renden contas, nove mancomunidades "incumpren sistematicamente coa obrigación de rendición da conta xeral", tendo pendentes as contas dos últimos exercicios. Outras dúas mancomunidades, teñen pendente de remisión algún exercicio --mancomunidade Vales de Ulla e Umia os exercicios de 2019 e 2020; Concellos Serra do Barbanza, exercicio 2020).

RECOMENDACIÓNS

Nunha primeira síntese xeral de recomendacións, o Consello de Contas insta as entidades locais "a prestar maior atención á formación e tramitación da conta xeral" nos prazos establecidos pola normativa contable e orzamentaria, en especial, no relativo á elaboración e aprobación de orzamento na súa condición de instrumento de planificación, deseño, debate e avaliación.

Ademais, como medida para o fomento do cumprimento da obrigación de rendición de contas, e sen prexuízo das medidas que poida adoptar o pleno do Consello, "recoméndase a modificación" do decreto 193/2011, de forma que "se condicione a concesión de subvencións financiadas integramente con fondos propios da comunidade autónoma ás entidades locais de Galicia, a que estean ao día no deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais do catro últimos exercicios", e a que se inclúa "toda a documentación obrigatoria".

Presentación do informe da Memoria do Consello de Contas do ano 2020, en xullo de 2022
Presentación do informe da Memoria do Consello de Contas do ano 2020, en xullo de 2022 | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta