Por Galicia Confidencial | Santa Comba | 08/08/2022 | Actualizada ás 21:12
O Xulgado do Contencioso 4 da Coruña, estimou a demanda interposta por unha funcionaria do Concello de Santa Comba, anulando a orde da alcaldesa, José María Pose, do PPdeG, pola que trataba de marxinar á dita funcionaria nun cubículo inapropiado para "a súa dignidade e funcións, tratando de menosprezala e ofender a súa dignidade, desprestixiándoa ante os demais co fin de provocarlle inferioridade, baixa autoestima, frustración e impotencia". De feito, o fallo di que o trato dispensado á funcionaria foi "degrada". En definitiva, considera o trato dispensado pola alcaldesa merecedor da cualificación de "denigrante" xa que vulnerou o seu dereito á "integridade moral".
A maxistrada estima probado que o espazo de traballo creado "ad hoc" para esta funcionaria é "ineficaz e precario" en canto a iluminación, ventilación e ruído e "insuficiente" en tanto ás distancias que pode haber entre persoas e para atender aos veciños, concluíndo que non reúne as debidas condicións para o uso que se lle dá.
Por iso, conclúe que quedou probado que a decisión de alcaldía de situar o posto de traballo da funcionaria demandante nese cubículo está completamente inmotivada e foi adoptada con "abuso de poder", exclusivamente dirixida á afectación de dicha traballadora como un claro exemplo de acoso laboral.
Deste xeito, entende vulnerados varios dereitos fundamentais da traballadora, o dereito á integridade física e moral (art. 15 CE), o dereito á igualdade e non discriminación (art. 14 CE) e o dereito á tutela xudicial efectiva na súa vertente de garantía de indemnidad (art. 24 CE).
"ABUSO DE PODER"
"De modo que a administración, deliberadamente, sen unha finalidade ou obxectivo lexítimo, con abuso de poder ou arbitrariedade, marxinou laboralmente á recorrente nun cubículo inapropiado para a súa dignidade e funcións. Tal comportamento supón un agravio comparativo e un claro menosprezo e ofensa á dignidade da traballadora demandante de amparo, de seu idóneo para desprestixiala ante os demais, provocarlle sensación de inferioridade, baixa autoestima, frustración e impotencia e, en definitiva, perturbar o libre desenvolvemento da súa personalidade", recolle a sentenza.
"A gravidade da vexación agudízase en función do tempo en que persiste, que no presente caso é moi considerable. En estreita conexión co anterior, condutas como esta xeran por si mesmas un prexuízo moral ao que poden engadirse danos psicofísicos por tensións, angustia, ansiedade ou depresión", engade.
Por iso, considérase a actuación da Alcaldesa de Santa Comba, ordenando o cambio de localización física do lugar de traballo da devandita funcionaria, como "abusiva e inxustificada" para afectar á súa reputación profesional, o que pode considerarse como un caso de "bossing" ou acoso laboral.
"BOSSING"
De feito, nesta sentenza do Xulgado do Contencioso 4 da Coruña, recóllese a doutrina do Tribunal Supremo sobre esta materia, e sinálase que os obxectivos do acoso laboral poden ser en grao sumo variado: represaliar a un traballador pouco sumiso, marxinalo para evitar que deixe en evidencia aos seus superiores, infundirle medo para promover o incremento da súa produtividade ou satisfacer a personalidade manipulativa ou hostigadora do acosador (o chamado acoso «perverso»), entre outros.
Galicia Confidencial púxose en contacto co concello de Santa Comba e coa propia rexedora para coñecer a súa opinión pero non houbo xeito de contactar con ela. María José Pose ocupa a alcaldía desde o verán de 2021 tras unha moción de censura contra a anterior rexedor, David Barbeita.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.