A Xunta di que Galicia encadeará tres anos de crecemento económico e reducirá o paro en plena crise

A Xunta aproba o teito de gasto máis elevado da súa historia, con 12.599 millóns para 2023, un 8,2% máis. O BNG tacha de "decepcionantes" esas contas. O PSdeG avisa que, coa alza do teito de gasto, a Xunta "non ten escusas para pór remedio ao colapso sanitario".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/08/2022 | Actualizada ás 12:37

Comparte esta noticia

O Consello extraordinario da Xunta deste luns aprobou un teito de gasto non financeiro de 12.599 millóns para 2023, un 8,2% máis, o que supón ser "o máis elevado da súa historia". Diso informou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que destacou que Galicia é a primeira comunidade en aprobar o seu teito de gasto co que se elaborarán os orzamentos para 2023

O presidente do Goberno de Galicia, Alfonso Rueda, comparece tras a súa reunión co presidente do Goberno, no Palacio da Moncloa, a 28 de xullo de 2022, en Madrid (España). A reunión con Rueda chega dous meses despois de que fose investido o. Eduardo Parra - Europa Press
O presidente do Goberno de Galicia, Alfonso Rueda, comparece tras a súa reunión co presidente do Goberno, no Palacio da Moncloa, a 28 de xullo de 2022, en Madrid (España). A reunión con Rueda chega dous meses despois de que fose investido o. Eduardo Parra - Europa Press

Así, a capacidade financeira increméntase en 958 millóns de euros nun contexto cun "bo número de incertezas", entre as que se referiu a unha "inflación sen precedentes no últimas catro décadas", con "enormes incógnitas no mercado enerxético" e con "non boas perspectivas" na guerra de Ucraína.

Así mesmo, Rueda destacou que no primeiro trimestre de 2023 Galicia recuperará os niveis de Produtor Interior Bruto (PIB) de antes da pandemia, e farao "antes que a media do conxunto do Estado", no que cualifica de "perspectivas esperanzadoras"

No entanto, a Xunta prevé que o PIB galego creza un 3,6% este ano, o que supón unha redución fronte ás previsións que o fixaban en torno ao 6%, mentres que o crecemento para 2023 será dun 2,7%.

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, destaca que Galicia "encadeará tres anos consecutivos de crecemento" tras o esborralle de 2020 pola crise. Igualmente, encadearanse tres anos consecutivos de crecemento de emprego, de modo que se prevé que a finais de 2023 a taxa de paro quede por baixo do 10% (no 9,8%).

Durante a súa intervención, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, resumiu que este teito de gasto supón "máis ingresos ordinarios, máis ingresos estruturais, menos déficit e menos recursos extraordinarios".

BNG

A portavoz parlamentaria de Economía do BNG, Noa Presas, tachou de "rutineiro" e "decepcionante" o teito de gasto de 12.599 millóns para 2023 aprobado este luns polo Consello da Xunta, porque non cubrirá "necesidades sociais" derivadas da crise de prezos.

A nacionalista asegura que esta contía "non atende á situación de excepcionalidade" que deixan uns "prezos disparados afogando a maioría social e as pemes".

"Nesta situación, o que non cabe é facer o de sempre para deseñar uns orzamentos que non van ser suficientes nin sequera para cubrir o incremento de gasto de servizos básicos como a sanidade, o ensino, ou por exemplo, para abordar os aumentos dos materiais na execución de obra pública", explica Presas.

Este teito de gasto, para o BNG, terá como resultado unhas contas para 2023 "de estancamento e de parálise, xusto o último que precisa Galicia neste momento", dixo.

Fronte a iso, promete que o Bloque fará unha "proposta ambiciosa que terá como horizonte unha saída xusta da crise para os galegos e as galegas".

PSdeG

A viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Begoña Rodríguez, avisa de que, coa alza do teito gasto para 2023, a Xunta "xa non ten escusas para porlle remedio ao colapso de sanidade". O PSdeG empraza a que haxa unha inxección adicional de 140 millóns para poder contratar un milleiro de profesionais sanitarios máis.

De tal forma, insta a que se doten os fondos necesarios para recuperar o normal funcionamento da atención primaria, os puntos de atención continuada (PAC) e as unidades de urxencia hospitalarias.

Por tal motivo, Rodríguez reclama "ambición" e "altura de miras" ao Goberno galego para aproveitar o aumento nas transferencias do Estado. "A Xunta non pode mirar cara outro lado", sentenza.

Igualmente, o PSdeG realiza outras peticións, tales como un incremento das partidas de I+D+i, a mellora da rede asistencial para a terceira idade, especialmente no tocante a residencias. Deixa claro que os 1.000 millóns de recursos adicionais dos que disporá o orzamento da Xunta en 2023 deberá "reverter na cidadanía e non en cadrar as contas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta