Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/08/2022 | Actualizada ás 15:35
Más de 400 voluntarios galegos serán os encargados de recibir aos máis de 11 mil mozos e mozas de entre 16 e 35 anos que estarán en Compostela nos vindeiros días, pertencentes á Peregrinación Europea de Jóvenes (PEJ).
Estes voluntarios recibiron unha completa formación nos últimos meses, nos que aprenderon nocións básicas de gran utilidade para poder axudar a estes e outros peregrinos en situacións de emerxencia ou simplemente para poder amosarlles os principais puntos de interés da capital galega.
A convocatoria, denominada PEJ22, estaba prevista para agosto do ano pasado, pero por mor da COVID-19 tivo que ser aprazada ata este mesmo verán. Este evento está organizado pola Archidiócese de Santiago de Compostela en conxunto coa Subcomisión de Juventud e Infancia de la Conferencia Episcopal Española.
Co fin de evitar aglomeracións, estes grupos de mozos e mozas que peregrinarán ata Santiago de Compostela distribuiranse ao longo de 11 rutas xacobeas distintas, dependendo das dióceses ás que pertenzan. Entre elas están os Camiños Francés, o do Norte, o Inglés ou o Portugués.
A inauguración dos actos principais é este 3 de agosto, ás 18:30 da tarde na Praza do Obradoiro. Nesta inauguración estarán presentes o arzobispo de Santiago, Julián Barrio, ademáis do actual presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.
Dende o xoves e ata o sábado realizaranse distintas actividades na cidade compostelana para estas xuventudes, que poderán visitar a Catedral de Santiago e participar en sesións de oración e catequese, pero tamén en talleres de temáticas moi variadas. As tardes e noites estarán amenizadas con espectáculos e concertos dirixidos a este tipo de público.
Estas visitas previstas para o mes de agosto súmanse ás boas cifras rexistradas no pasado mes de xullo, no que máis de 66.000 peregrinos pasaron pola Oficina do Peregrino situada no casco vello compostelán. Deles, máis de 59.000 procedían de distintos puntos de Europa, principalmente de Italia, Alemaña ou Portugal, e elexiron o Camiño Francés ou o Camiño Portugués para chegar ata Santiago de Compostela.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.