Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/08/2022 | Actualizada ás 18:46
O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre, afincado na localidade pontevedresa de Campo Lameiro, presentou hoxe a exposición temporal “Memoria e legado de R. Sobrino Lorenzo-Ruza” realizada polo Colectivo a Rula e a súa familia. Participaron no evento Sabela Sánchez en representación do Colectivo a Rula, Carlos Costa polo Concello de Campo Lameiro e o sobriño do homenaxeado, Ángel Núñez Sobrino.
A exposición, explican dende o centro, estará aberta ao público ata o 15 de setembro e explica en dez paneis unha das figuras no eido da arqueoloxía que máis coñecía o mundo da arte rupestre en Galicia como dicía Carlos Alonso Real: “o home que máis sabía de petróglifos”.
Despois do paso polo Museo do Pobo Galego e do Museo de Pontevedra, entre outros centros, todos os visitantes que se acheguen á capital da arte rupestre galega poderán visitar esta mostra que complementa á propia exposición permanente que exhibe o centro. A traxectoria deste grande investigador da arte rupestre tamén estivo vinculada ó estudo dalgúns dos grandes petróglifos incluídos na actualidade dentro do Parque Arqueolóxico como a Laxe da Forneiriña ou Outeiro dos Cogoludos, dando continuidade ao traballo realizado polo seu pai, o tamén arqueólogo Ramón Sobrino Buhígas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.