Os escoceses mantiveron a súa Igrexa, Dereito, sistema xudicial e rèxime local, mais perderon todas as sùas liberdades políticas despois de 1745 polo seu apoio aos Stuarts. A emigración, a aventura colonial británica e a industrialización da conca do Clyde serveron para encaixar o país no Imperio británico. Mais as guerras mundiais no século XX liquidaron o Imperio e
Escocia perdeu os seus horizontes. Londres multiplicou a súa presenza no agora máis pequeno Reino Unido. Xa non era doado o encaixe de Escocia neste inglesizado Reino.
Hai algo máis de 40 anos apareceu o petróleo do Mar do Norte e Londres privou aos escoceses de grande parte dos seus beneficios, agachou a información sobre a magnitude da achega do crú ao PIB escocés e argallou unha campaña baseada na desinformación e no desprestixio dos nacionalistas do Scottish National Party (SNP), que acadaran o 32% nas eleccións ao Parlamento de Westminster no 1974.
Porén, no 1998 a devolution foi aprobada por unha ampla maioría e o Parlamento escocés foi restaurado. O SNP gañou as eleccións no 2011 con maioría absoluta. En cumprimento das súas promesas electorais, o primeiro ministro escocés pactou co británico a celebración do referéndum de independencia o 18 deste mes que andamos.
Cameron rexeitou teimudamente unha terceira opción para lle devolver máis autonomía a Escocia, malia que o seu ministro de Finanzas, diante do avance da opción pro independencia (que gañaría 51-49% segundo unha recentísima enquisa do Sunday Times) ven de ofrecer esta ampliación autonómica no caso de gañar o yes.
A poucos días de que a cidadanía escocesa vote nada está decidido, malia o esforzo de Londres porque gañe o No.