Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/08/2022 | Actualizada ás 20:00
O Partido Galego denuncia que a vaga de lumes que asola Galicia este verán evidencia que "non se toman as medidas adecuadas ante un problema grave, estrutural e de país", e demanda maiores esforzos na prevención dos incendios forestais. Para o Partido Galego, o abandono e despoboamento rural, sumado aos "intereses" na queima do monte e a "30 anos de políticas nefastas" en Galicia dan como resultado un "cóctel realmente explosivo".
Fronte a el, piden anticiparse ao problema e mudar o enfoque de actuación a través de propostas lexislativas, sociais e económicas. Así, piden apostar por un novo sistema forestal baseado na economía circular, na diversidade de aproveitamentos do monte e con frondosas rendibles; prohibir recalificar os terreos afectados por incendios, simplificar os trámites burocráticos para a limpeza dos montes na contorna das poboacións, apoiar economicamente as empresas e particulares que teñan vinculación co monte sustentable, completar concentracións en toda Galicia ou promover un censo das plantacións de eucaliptos. Así mesmo, o Partido Galego propón compensar fiscalmente ás persoas propietarias de plantacións autóctonas.
Entre as medidas sociais, o Partido Galego aposta por promover plans educativos coa
implantación das “bosque escolas” en todos colexios públicos de Galicia, desenvolver programas de prevención dende os concellos que abrangan o ano completo, crear batallóns de vixías contra o lume integrados pola sociedade civil, ou informar de especies frondosas rendibles e tamén das empresas adheridas que merquen o produto.
No que respecta ás propostas económicas, o Partido Galego demanda poñer o acento nas medidas de prevención, manter un cinto de seguridade protector con especies autóctonas arredor dos núcleos de poboación, deseñar plans específicos encamiñados a aumentar a rendibilidade dos montes, ou elaborar plans galegos de centrais eléctricas con biomasa e de procesado de restos forestais. Así mesmo, pide apostar por servizos de extinción públicos e asentados no medio rural e fomentar o desenvolvemento de granxas, viñedos e proxectos vinculados ao turismo rural.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.