Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/08/2022 | Actualizada ás 19:00
Continúan as homenaxes aos asasinados polo bando dos 'nacionais' durante a Guerra Civil. O Concello de Teo vén de anunciar un acto en lembranza de Ánxel Casal e a todas as persoas represaliadas nos límites municipais que terá lugar o vindeiro 19 de agosto, no mesmo día que se produciu a morte do coñecido editor do galeguismo.
Segundo explican dende o Concello, os actos de homenaxe céntranse no acto institucional de homenaxe a Ánxel Casal, que se celebrará ás 20.00 horas na Estivada da Ribeira en Cacheiras e na posterior ofrenda floral no monólito de Ánxel Casal, situado neste mesmo emprazamento. "O acto estará conducido polo alcalde de Teo, Rafael Sisto, e no mesmo participarán representantes institucionais dos Concellos de Arzúa e Santiago de Compostela. Tamén tomarán a palabra membros da Asociación A Oliveira, precursora desta homenaxe", inciden. Contarase tamén co acompañamento musical a este acto os grupos teenses Aldomir e Suasebe da A.C. A Mámoa de Luou.
De acordo coa organización, con esta serie de actos o Concello de Teo e a Asociación A Oliveira tratan de "manter vivo" o recoñecemento a Ánxel Casal (A Coruña 1895-Cacheiras 1936), quen destacou polo seu labor como editor e político. Casal foi o último alcalde republicano da cidade de Santiago e militou no Partido Galeguista dende a súa creación. Tras o triunfo do levantamento do 18 de 1936 de xullo foi detido e paseado o 19 de agosto. O seu corpo apareceu ao carón da estrada en Cacheiras, onde hoxe un monólito lembra a súa memoria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.