Os ingleses diante do referendum escocés

A prensa londinense deste domingo recolle a dramática apelación do prime minister Cameron a encher os exteriores das vivendas dos ingleses, galeses e norirlandeses de bandeiras escocesas para “salvarmos a Unión”. Os tres partidos principais (conservadores, laboristas e liberal-demócratas) canda cadanseus líderes (David Cameron, Ed Miliband e máis Nick Clegg) tentan seducir aos indecisos escoceses para votar negativamente á independencia. En troques, prometen unha substancial ampliación do autogoberno escocés no eido fiscal e financeiro.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 14/09/2014

Comparte esta noticia
En novembro 2012 , cando o first minister escocés pactou data e pregunta con Cameron, éste rexeitou toda posibilidade de “terceira vía” cara unha opción intermedia que garantise a continuidade don Reino Unido incrementando substancialmente os poderes fiscais do Parlamento escocés de Holyrood, opción que enchía os degoiros a medio prazo dos nacionalistas escoceses do SNP. Compre salientar que o nível autonómico dos caledonios elles ben máis amplo ca o galego e moi semellante ao catalán (policía de seguranza, réxime local), agás en cuestións fiscais onde calquera autonomìa española ten máis competencias. 
 
Mais semella que moitos ingleses ollan ao problema escocés con certa distancia. Polo que puiden percebir nesta estadía, é maioritaria a opinión de que os escoceses non han dispor de máis financiamento por habitante ca Inglaterra. Por outra banda, o 48% dos ingleses están por activar controis fronteirizos  con Escocia no caso que gañe o  yes e o Goberno escocés asuma o espazo Schengen de liberdade de tránsito, segundo unha enquisa que este domingo publica o xornal The Mail.
 
É verdade que os galeses e máis as minorías de orixe asiática ou africana son máis receptivas ao mantemento de estreitas relacións cunha Escocia independente. Mais, lonxe de ser sensíbeis á chamada do premier Cameron, boa parte dos ingleses están máis dispostos a aceptar, con certa frialdade e afastamento, a independencia escocesa ca unha substancial mellora do seu financiamento e das súas capacidades fiscais.
 
Mentres, os populistas eurosescépticos do UKIP seguen a furar na Inglaterra a base electoral de Cameron, acadando un 20% nas sondaxes preelectorais para as vindeiras eleccións ao Parlamento estatal de Westminster.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.