Revolta no Consorcio de Igualdade e Benestar: denuncian un "ERE encuberto" que mermará os servizos

Traballadoras das escolas da Galiña Azul, centros de día, residencias e outros servizos xestionados polo ente irán á folga para mostrar o seu rexeitamento a un proceso selectivo que, denuncian, non busca a estabilización do persoal senón que "desmantelará" os equipos de traballo.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/08/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

María Ladra leva trece anos traballando para o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar como xerocultora no centro de día de Abadín. "Teño 45 anos e traballei toda a vida, como camareira, nun supermercado, en residencias de maiores e por último aquí", preséntase. Nunca antes se vira envolta nun conflito laboral, pero agora ten claro que secundará a folga á que o sindicato CNT convoca todo o persoal do Consorcio para setembro. O traballo de María, ao igual que o das 1.500 empregadas temporais que artellan o Consorcio, corre perigo por un proceso selectivo que, denuncian, non busca a estabilización do persoal senón que "desmantelará" os equipos de traballo.

Protesta das traballadoras do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e do Benestar
Protesta das traballadoras do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e do Benestar | Fonte: arquivo

"Estámolo pasando realmente mal", recoñece María, "e por diante quédanos unha dura folga". O 97% do persoal do Consorcio, responsable da rede de escolas infantís A Galiña Azul, residencias, centros de día, centros Quérote e outros servizos públicos, son mulleres de entre 35 e 55 anos, "moitas con cargas familias e en idades complicadas para atopar un novo emprego", sinala esta traballadora. Unha porcentaxe superior ao 90% delas leva anos como temporal e está nunha situación de "fraude de lei", dado que a normativa para a redución da temporalidade no emprego público recentemente aprobada polo Goberno de España limita a interinidade a un máximo de tres anos. 

Esta reforma contempla un último proceso de estabilización de todas as prazas de carácter estrutural que están sendo ocupadas de forma temporal; e afectará máis de 300.000 prazas en todo o Estado, que deberán ser fixas antes do 2024. Para iso, os procesos deben estar convocados antes do 31 de decembro do 2022, momento ata o que o persoal do Consorcio pretende exercer presión a través dunha folga para que as condicións destes procesos selectivos non rematen nun "ERE encuberto" e supoñan para as traballadoras un "verdadeiro proceso de estabilización" do seu posto de traballo. 

AS "INXUSTIZAS" DO PROCESO DE ESTABILIZACIÓN

Pablo Fernández, membro do comité de folga e traballador temporal do Consorcio durante 14 anos, explica que esa lei "gañada" pero "aínda inxusta", establece que unha parte das prazas en fraude de lei se resolverán a través dun concurso de méritos que, tal e como está planeado, di, suporía unha "grave discriminación" para as traballadoras do Consorcio: "O xeito de estabilizar o persoal é que no proceso tan só conten os méritos acadados no propio ente, pero aquí non funciona así. Probablemente, os temporais da Xunta de Galicia acaben ocupando as prazas do persoal que está aquí en fraude de lei e que acabaría na rúa" debido a un cómputo de méritos que o prexudica..  

Protesta de traballadores en folga ante o Consorcio de Igualdade e Benestar
Protesta de traballadores en folga ante o Consorcio de Igualdade e Benestar | Fonte: CNT.

Por iso, dende o comité de folga da CNT reclaman un "proceso diferenciado do da Xunta por ser o Consorcio un ente non integrado e con particularidades". De non telas en conta, produciríase unha "inxustiza" con estas traballadoras: "Durante máis de dez anos as nosas nóminas foron entre 30% e 40% máis baixas que as do persoal da Xunta; non tiñamos acceso a formación; o Consorcio empezou a funcionar hai 15 anos, e pretenden que o cómputo máximo para a experiencia no posto sexa de 35 anos. Agora queren que compitamos nun mesmo proceso no que estariamos claramente en desigualdade de condicións", precisan.

Tamén demandan que a súa experiencia no traballo diario no Consorcio conte o tripo que en calquera outra administración, "tal e como ocorre no ámbito doutros entes semellantes", explican. Neste sentido, piden que o concurso de méritos valore o 90% a experiencia no posto de traballo e o 10% a formación, e urxen que tamén puntúe no proceso a formación especializada recibida no propio Consorcio. Porén, Pablo Fernández explica que "a inxustiza continúa incluso se gañas unha praza, dado que un posterior concurso de traslados provocará que moitas persoas teñan que moverse de posto a outros puntos da xeografía, o que vai implicar que moita xente se vexa obrigada a renunciar polas súas cargas familiares". 

De forma paralela, aquelas persoas que levan interinas a partir do ano 2016 terán que presentarse a unha oferta pública de emprego (OPE). Para este proceso demandan que teña unha fase de oposición "non eliminatoria", "tal e como permite a lei a pesar de que Función Pública da Xunta non pensa aplicalo", explica Fernández, que asegura que de non cumprirse con todas estas esixencias, o proceso "non será de estabilización do persoal temporal abusado, senón un ERE encuberto que culminará co desmantelamento dos equipos de traballo".

Dende o comité tamén lamentan a "nula vontade política de negociar" para evitar os paros de actividade de 15 días mensuais ata decembro, e polos que se desculpan ante todas as familias que se verán afectadas, unhas 5.000 en toda Galicia. Fernández denuncia, así mesmo, o "inmobilismo" dos sindicatos maioritarios - CIG, UGT, CSIF E CC.OO. - que, di, "non atenden as reivindicacións do persoal do consorcio, en beneficio dos dereitos de quen é fixo e quere moverse de praza".

"DIMINUCIÓN IRREMEDIABLE DA CALIDADE DO SERVIZO"

Tanto María Ladra como Pablo Fernández alertan dunha "diminución irremediable da calidade no servizo" que implicaría que "as persoas que levantamos o Consorcio quedemos agora na rúa". "Trátase de servizos de proximidade, en xeral no rural, onde tivemos que montalo todo desde cero", explica Fernández. "Aquí hai unha cantidade brutal de sabedoría e experiencia acumulada, e sen ela, os servizos poden converterse nun inferno e volverse indignos", prosegue. "Coñecemos moi ben os usuarios cos que tratamos e ás súas familias. Non somos unha fábrica, somos persoas capacitadas para desenvolver o noso traballo, que está moi vinculado á calidade humana", di María, que leva no Consorcio dende pouco despois do seu nacemento.

"Levamos traballado moitísimo para que as cousas vaian ben. Se agora entran novos equipos de traballo deberán poñerse ao día e empezar de cero", explica a traballadora. Asegura que a pesar de que sobre o seu traballo sempre pendeu a "ameaza" dun proceso que a deixara na rúa, ve o seu futuro máis inmediato "cheo de loita". "Non imos deixar marchar o noso posto de traballo así como así. É aquí, con esta xente coa que levo 13 anos, onde eu quero traballar. Por iso pido ás administracións que pensen en nós e no servizo, que se paren a pensar que está en xogo a comodidade de moita xente", indica. 

Por parte da Consellería de Política Social trasladan a Galicia Confidencial que a Xunta "está a dar cumprimento" á Lei 20/2021 do Goberno central de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público e que a convocatoria dos correspondentes procesos selectivos e as súas condicións, requisitos e baremos están a ser negociados entre sindicatos máis representativos (CIG, UCT, CCOO e CSIF) e a Dirección Xeral de Función Pública. "De calquera xeito, o Goberno galego garantirá a prestación dos servicios mínimos para que o inicio do curso escolar nas escolas infantís así como a atención nos centros de maiores do Consorcio non se vexa afectado pola folga, e as familias poidan estar tranquilas", ultima.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta