Arrinca a VII edición do FIC Vía XIV de Verín

A relación entre a música e o cinema, un dos eixos principais deste festival de curtas, foi protagonista no acto inaugural. Casperverk Trío musicalizou o filme "The cameraman" de Buster Keaton. Ata o 4 de setembro Verín respirará cinema coa proxección das curtas a concurso e unha chea de actividades paralelas.

Por Galicia Confidencial | Verín | 02/09/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

“Este ano, quixemos enfocar o propio acto de inauguración do certame pondo en valor esta unión de música e imaxe e por iso contamos co trío Casperverk para musicalizar o filme The cameraman, de Buster Keaton, que data de 1928”, sinalou Carlos Montero, director do FIC Vía XIV ao respecto do acto inaugural da VII edición do FIC que tivo lugar na tarde do martes 30 de agosto en Verín.

Acto inaugural do FIC Vía XIV de Verín (2022). Foto: Prensa festival
Acto inaugural do FIC Vía XIV de Verín (2022). Foto: Prensa festival

Coma novidade con respecto a outros anos, o acto inaugural foi máis breve e desenvolveuse na Praza Maior de Verín co obxectivo de "involucrar máis directamente aos verineses e verinesas na posta en marcha dun certame que se vén consolidando como un dos eixos fundamentais da axenda cultural anual do municipio”, referiu o director do FIC.

Unha representación teatral, na que a propia concelleira inseriu o seu discurso institucional, serviu como orixinal inauguración do certame de curtas da vila do Támega. Un representante do público e membro do equipo do FIC, Armando Silveira, interpretou a un director de cinema que interpelaba á concelleira dándolle instrucións sobre como tiña que abordar o seu discurso e facendo crer aos presentes que se atopaban no Festival de Berlín, en lugar de na Verinale (Festival de Verín).

Na intervención da concelleira detallouse a programación e reafirmouse a aposta pola consolidación do FIC Vía XIV de Verín no calendario de eventos culturais da vila.

ACTIVIDADE PARA O ACTO INAUGURAL

O filme The cameraman de Buster Keaton abriu as actividades do certame cinematográfico verinés que se desenvolverá ata o domingo 4 de setembro. A proxección contou coa música en directo de Casperverk Trío.

PREVISIÓN PARA O XOVES 1 DE SETEMBRO

Ás 10:00 h. o Auditorio de Verín acolle a actividade "Sopa Cómica", na que a narradora Raquel Queizás actuará para público cativo co obxectivo de descubrilles o cinema e os seus valores. A continuación haberá unha sesión de cinema infantil na que os pequenos e pequenas poderán valorar a súa curta favorita.

Xa pola tarde, ás 20:30 h. o Entroido será protagonista. O Auditorio Municipal acollerá unha sesión de curtametraxes cuxo fío condutor será o Entroido e como guinda poderase ver unha obra audiovisual filmada nos anos 70 en Laza.

Ás 22:00 h. a 'Zona Roombo' --no exterior do Auditorio-- acollerá unha novidosa experiencia na que se catarán cervexas acompañadas con petiscos. A actividade, bautizada como 'Hop & Roll', vén a ser unha "pinchada" en dous sentidos, combinando música e gastronomía. No orixinal encontro coincidirán o mellor tirador de cervexa de España e os coñecidos DJ de música en galego: Gustavo Rey e Óscar Piñeiro.

Programa completo na páxina web do festival FIC Vía XIV.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta