Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2022 | Actualizada ás 12:07
A TVG, envolta nunha nova polémica; desta vez, a conta dun vídeo promoción da súa serie de ficción diaria 'Saudade de ti'. Nesta peza, que vén de ser denunciada a través das redes sociais por Xornalistas Galegas, poden escoitarse e lerse varios textos que, segundo explica este colectivo de profesionais, "avivan os mitos do amor romántico que contribúen a apuntalar o machismo e a violencia contra as mulleres".
"O amor de verdade é coma o vento, non se ve, séntese", "O amor de verdade fai sufrir" ou "Con este bico saberás todo o que calei durante estes anos" son algunhas das frases que tecen esta peza de promoción da serie. 'Saudade de ti', que se estreou este verán e se emite de domingo a xoves en prime time, desenvólvese nun pobo costeiro e está atravesada por romances, infidelidades e traizóns que conectan cos mitos do amor romántico, esas crenzas e ideas vinculadas a que o amor o pode todo ou que o amor ten que sufrirse.
Os chistes deberían ter graza. Avivar todos os mitos do amor romántico que contribúen a apuntalar o machismo e a violencia contra as mulleres non ten ningunha. Telenovelas temos abondo na vida real, @TVGalicia #AsíNon #PerspectivaDeXéneroXa pic.twitter.com/z8zSB5suIC
— Xornalistas Galegas (@asxornalistas) September 2, 2022
😭💞 Comeza a conta atrás para a estrea da serie do verán 🥰 #SaudadeDeTi unha historia de moita traizón 😱 O domingo, a partir das 22:30, tes unha cita na túa pantalla de sempre 😉 pic.twitter.com/LJHlASHtrb
— TVG (@TVGalicia) July 1, 2022
Nas redes sociais son moitas as reaccións de desaprobación por estes feitos. Entre elas, a deputada polo PSdeG no Parlamento, Noa Díaz, asegura que "non hai unha semana sen escándalo na TVG. Difundindo sen control mitos do amor romántico que dan pé á violencia machista". Tamén Alba Pazos, xornalista na TVG, pide rectificar á cadea: "Que na televisión pública poidan lerse cousas como "O amor de verdade fai sufrir" é unha irresponsabilidade. Eduquemos no amor de coidados, de respecto e apoio mútuo, non en mitos que fan moito dano. Cómpre rectificar @TVGalicia".
Isto paréceme moi grave. Que na televisión pública poidan lerse cousas como "O amor de verdade fai sufrir" é unha irresponsabilidade. Eduquemos no amor de coidados, de respecto e apoio mútuo, non en mitos que fan moito dano. Cómpre rectificar @TVGalicia https://t.co/B122UwYFcl
— Alba Pazos (@Albisssima) September 2, 2022
Non comprendo como unha promo así pode pasar todos os filtros na televisión pública... Porque queremos crer que os hai, claro https://t.co/6VHdrhE9gy
— Cláudia Morán Mato (@claudiamoran90) September 2, 2022
Dende o colectivo Defende A Galega e dende Xornalistas Galegas levan tempo demandando un plan de igualdade, formación para todo o persoal en materia de xénero e a creación da figura profesional de editora de xénero tranversal para todos os contidos. Non é a primeira vez que a TVG é acusada de banalizar a violencia machista e apuntalar o amor romántico. Un dos episodios máis graves tivo lugar no plató de Land Rober, cando o seu presentador puxo contra as cordas unha moza para que vise ao seu ex, ao que deixara por acoso.
O COMITÉ INTERCENTROS DA CRTVG PIDE DIMISIÓNS
A raíz deste último episodio de ausencia de perspectiva de xénero, e sobre todo, das críticas á TVG por "facer seguidismo da ultradereita" nun dos seus últimos informativos, o Comité Intercentros dos medios públicos de comunicación de Galicia vén de alertar, unha vez máis, da "deriva ideolóxica" á que os máximos responsables da Corporación están levando os servizos informativos.
Ante estas novas manifestacións de uso 2partidista e irresponsable" da CRTVG, o Comité Intercentros, "recollendo a fartura do cadro de persoal", esixe as dimisións da directora
da Área de Información, Concepción Pombo Romero, do subdirector Alejandro López Carballeira, así como dos dous redactores xefes e do responsable do Telexornal Mediodía", recolle nun comunicado. Tamén esixe o cese do director da Área de Contidos, Fernando Rodríguez Ojea, e das directivas Rosa Sierra e Vanessa Grela.
Este "ataque sen precedentes ao servizo público", recollen nun comunicado, obriga a representación legal do persoal da TVG e da RG a denunciar que "a situación interna é insostible", e anuncia que xa traballa no deseño dunha "resposta contundente a esta deriva ideolóxica" que permita avanzar na "erradicación da manipulación informativa e do sexismo na CRTVG".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.