Por E.P. | VIGO | 02/09/2022 | Actualizada ás 19:03
O Diario Oficial de Galicia publica este venres unha nova convocatoria de axudas para apoiar a mulleres traballadoras, vítimas de violencia de xénero que, por motivos laborais e por mor da súa situación, deben cambiar a súa residencia habitual.
Así, as beneficiarias contarán con axudas que poden superar os 10.000 euros, para cubrir parte das súas necesidades de transporte, aloxamento, mudanza e coidado de menores ou dependentes. Pode beneficiarse as mulleres que acrediten a súa condición de vítimas de maneira oficial nos 24 meses anteriores ao cambio de residencia efectuado entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 30 de novembro de 2022.
As vítimas deben cesar a relación de convivencia co agresor e a media dos seus ingresos brutos mensuais non poderá superar en 3,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem) do seis meses anteriores á data da solicitude.
Galicia é unha das poucas Comunidades que conta con este tipo de axudas, no marco das medidas postas en marcha no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e é a primeira en estender estes apoios a mulleres que sofren violencia vicaria. Entre os gastos financiables está o desprazamento da muller e os familiares ao seu cargo desde a súa localidade de orixe ata a súa nova residencia (tanto en transporte público como en vehículo particular, cunha indemnización por quilómetro e pago de peaxes).
Tamén se poden subvencionar gastos de mobiliario e aveños ata un máximo de 2.316 euros; gastos de aloxamento (aluguer ou adquisición de vivenda) ou hospedaxe; ou gastos de atención a menores ou persoas dependentes ao seu cargo. O prazo para solicitar as axudas ábrese este 3 de setembro e finaliza o 30 de novembro.
Con esta nova liña de apoios, a Xunta destina este ano máis de 6,5 millóns de euros para o apoio económico a vítimas de violencia de xénero. A administración autonómica ofrece unha prestación periódica de ata 800 euros mensuais a estas mulleres durante un ano e, desde 2009, máis de 5.300 vítimas acolléronse a esta medida.
Por outra banda, e entre outras medidas, está aberta de modo ininterrompido a convocatoria de pagos únicos de ata 10.846 euros para vítimas que presentan especiais dificultades de inserción laboral e, nos últimos 12 anos, estas axudas chegaron a 1.300 beneficiarias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.