Sufriches ou sofres o “síndrome pre-post-vacacional”?

Dos creadores do “síndrome post-vacacional” chega agora esta nova doenza psicolóxica que pode arruinarche o final das vacacións.

Por GcToday | Santiago de Compostela | 11/09/2022 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Lembremos primeiro que é o ‘síndrome postvacacional’. Trátase dunha doenza pseudopsicolóxica, non aceptada aínda como enfermidade a nivel internacional, que provoca dificultades de adaptación cando se volve á rutina laboral tras rematar as vacacións. Rematan e hai que volver ao choio, tócanos o carallo, claro que si, pero se non vivimos de rendas é o que hai, amigos/as!

Vista de Ribeira. Foto: XMF
Vista de Ribeira. Foto: XMF

A incorporación ao posto de traballo xéralle ás persoas que padecen este síndrome unha serie de molestias con sintomatoloxía derivada consistente en somnolencia, desmotivación, preguiza, maula, tristura, ansiedade e incluso agresividade. Aínda que para moitas e moitos é un problema menor, “un invento da prensa para xerar a típica noticia de remate de vacacións”, comentan algúns, o certo é que ten repercusión sobre a calidade de vida daqueles que o sofren.

Partindo deste cadro condutual referido, que se converte en titular de prensa á volta de vacacións, coñécese agora unha doenza que foi bautizada como “síndrome pre-post-vacacional”. Esta incomodidade psicolóxica dáse nos últimos días das vacacións, nese momento da conta atrás no que non deixamos de pensar nos días que nos quedan e o preto que está xa a volta ao choio.

Nese tempo de desconto vacacional, refiren os estudosos e estudosas do tema, comezan a darse cambios emocionais que poden derivar cara un estado depresivo ou incluso cara a agresividade. Coñecedores dos poucos días que restan para rematar as vacacións podemos, segundo o caso, entrar nun estado extremo de apatía e desconexión co presente ou envinagrarnos e pagalas cos demais --que culpa terán, verdade?--.

Todo o bo ten un remate e as vacacións non van ser menos, pero a moita xente múdalle o carácter ao verlle o final. A avinágranse e outros/as póñense tristes e melancólicos/as pensando xa na temible volta ao traballo.

Se estades contando os días que vos quedan para volver ao choio, e notades esta sintomatoloxía, quizais esteades pasando un cadro compatible cun “síndrome pre-post-vacacional”. Para evitar esta doenza unha opción é que vos fagades autónomos/as, nese caso non teredes nin “pre” nin “post” vacacional…

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta