HUMOR: Música 'galega e en galego' para as atraccións de feiras, festas e romarías

Unha plataforma cidadá levará unha ILP ao Parlamento para que se aprobe a obriga de ambientar as atraccións de feiras e festas populares con música "made in Galicia" e "na lingua de Rosalía".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/11/2024 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

A coñecida plataforma en defensa do galego, "Do castelán tamén se sae", vén de presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) no Parlamento de Galicia na que se reclama a obrigatoriedade de poñer música galega e en galego nas atraccións das feiras, festas e romarías populares do noso país.

Inchable. Foto: XdL.
Inchable. Foto: XdL.

Dende este colectivo din estar "fartas e fartos de sufrir o molesto reguetón, e outras músicas ruídosas en castelán e inglés, nos carruseis, autos de choque, noras, tómbolas, inchables, etc das festas, feiras e romarías". Diante deste malestar crecente decidiron botar adiante esta iniciativa para que se teña en conta a nosa riqueza musical e o noso idioma, máis se cabe no contexto actual no que o IGE vén de publicar que o galego é minoritario por primeira vez en Galicia.

A proposta, que chegou ao Parlamento Galego coa sinatura validada dunhas 100.000 persoas, pretende que a maioría das forzas políticas presentes na Cámara aproben unha norma que regule as condicións da ambientación festiva en Galicia na que prime o uso do galego e as nosas músicas. Ademais desta medida de protección, que garantirá os dereitos lingüísticos dos galegofalantes e obrigará aos feirantes, a iniciativa lexislativa pide que se contemplen "horas de silencio" --sen ruído nin música-- para evitarlles un malestar innecesario a nenas e nenos con hipersensibilidade auditiva".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta