Bombeiros forestais municipais denuncian "discriminación" da Xunta nos procesos selectivos

O colectivo recrimina unha "manobra" da administración para que a puntuación acadada a través da experiencia "careza totalmente de importancia".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/09/2022 | Actualizada ás 11:17

Comparte esta noticia

Persoal do colectivo de bombeiros e bombeiras forestais dos concellos de Galicia veñen de denunciar unha "manobra" da Xunta de Galicia para que "a puntuación acadada a través da experiencia na administración local careza totalmente de importancia nos vindeiros procesos selectivos", cuxos baremos que os rexerán se están a negociar nestes momentos. Así, este persoal afirma que "a Xunta maltrata unha vez máis este colectivo", desta vez "infravalorando a puntuación que historicamente obtemos en igualdade cos demais traballadores de incendios para as listas de contratación temporal ou para os procesos selectivos celebrados ata agora". 

Dous bombeiros traballan no incendio, a 5 agosto de 2022, no Vento, parroquia de Cea, na comarca de Salnés e o concello de Villagarcía de Arousa
Dous bombeiros traballan no incendio, a 5 agosto de 2022, no Vento, parroquia de Cea, na comarca de Salnés e o concello de Villagarcía de Arousa | Fonte: Gustavo da Paz - Europa Press

E é que, segundo explican, nos vindeiros procesos selectivos extraordinarios de estabilización do traballo temporal, a puntuación obtida pola experiencia nos concellos e mancomunidades de municipios de Galicia vai puntuar "tres veces menos que ata agora", algo que, asumen, "enterra as posibilidades de estabilizar neste proceso as persoas que posúan experiencia na administración local", e incluso a aqueles que accederon hai tempo a unha praza no Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais da Xunta de Galicia (SPIF) mediante esta experiencia e que agora queiran optar a estabilizar nela.

A maioría dos traballadores e traballadoras de incendios da Xunta posúen moita puntuación das brigadas municipais, pero agora, augura, "vaise ver moi mermada" por esta decisión que cualifican de "arbitraria e inxusta". Apuntan como exemplo as prazas fixo-descontinuas de seis meses do SPIF creadas no ano 2019, nas cales "a xente que entrou fíxoo maioritariamente mediante a experiencia acadada nas brigadas municipais, a cal foi baremada de forma xusta". 

Denuncian asemade que "este precedente condiciona enormemente a baremación destes méritos neste e en futuros procesos selectivos para os que ata agora se puntuaba en igualdade", algo que, apuntan, "pode chegar a afectar á calidade do servizo, xa que se está a tentar prescindir dun persoal cunha longa experiencia, moito do cal xa forma parte do SPIF".

Poñen como exemplo de "clara inxustiza comparativa" a puntuación que o borrador contempla para a experiencia acadada no ente instrumental SEAGA S.A., unha sociedade mercantil pública que "xamais puntuou" para os procesos selectivos da administración xeral autonómica, pero que agora, "por arte de maxia", a súa experiencia pasa a puntuar "tres veces máis". "Función Pública sitúaos en canto a puntuación ó mesmo nivel que a experiencia

acadada na propia Xunta", explica o persoal nun comunicado.

Ante o que consideran unha "manobra" da Xunta de Galicia, o colectivo demanda que se teña en conta, como se viña facendo ata agora, "a lóxica de puntuar igual por facer o mesmo traballo, baixo os mesmos mandos, mesmos cadrantes e nunha administración pública, os concellos, á que se accedeu baixo criterios obxectivos de mérito e capacidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta