O 80% das gaivotas que viven en entornos urbanos teñen plásticos nos seus niños

O CEIDA alerta do seu perigoso impacto.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 09/09/2022 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

Estudos desenvolvidos polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) detectaron unha importante presenza de plásticos en niños de gaivotas patiamarelas, especie que sufriu nos últimos anos o aumento da súa mortalidade.

As investigacións, segundo comunicou o organismo, centráronse en 71 niños de dúas colonias da provincia da Coruña. Nos situados no ambiente urbano das illas de San Pedro, un 80% deles tiñan plásticos na súa composición; mentres que nos da contorna natural das Sisargas, en Malpica de Bergantiños, esta porcentaxe redúcese ao 18% dos niños.

O CEIDA destacou a "rechamante diferenza" do tipo e orixe dos residuos detectados. Nas Sisargas, "son pequenos fragmentos de materiais de pesca como cordas ou redes"; en San Pedro, "son moito máis grandes e procedentes de produtos de consumo como bolsas plásticas e restos de embalaxes".

SOCIEDADE DE CONSUMO

Para o investigador Sergio París por medio deste tipo de estudos "estas aves falan do impacto no medio natural da sociedade de consumo". "A xeración incontrolada de residuos leva emparellada a presenza de lixo no mar e en consecuencia o seu impacto sobre a biodiversidade", denunciou.

Este estudo enmárcase na continuación do proxecto Aves Ártabras do CEIDA, unha iniciativa que ten como obxectivo a declaración dunha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) no Golfo Ártabro.

Vista dunha praia na Coruña tras a noite de San Juan.. M. Dylan - Europa Press
Vista dunha praia na Coruña tras a noite de San Juan.. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta