Científicos galegos sintetizan por primeira vez un composto que recoñece receptores vinculados á metástase

Fixérono en colaboración con científicos da Universidade Complutense de Madrid.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/09/2022 | Actualizada ás 18:18

Comparte esta noticia

Investigadores do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago, en colaboración con científicos da Universidade Complutense de Madrid, lograron sintetizar por primeira vez un composto híbrido que recoñece receptores celulares vinculados á metástase.

Os investigadores do CiQUS Javier Montenegro (esq.) e Iván Gallego
Os investigadores do CiQUS Javier Montenegro (esq.) e Iván Gallego | Fonte: USC.

O estudo centrouse na E-selectina, unha importante 'diana terapéutica' cuxo ligando natural son uns azucres moi complexos e difíciles de sintetizar artificialmente. Hai xa varios anos, mediante a técnica de 'phage display', logrouse obter un péptido simple que interacciona especificamente coa E-selectina para inhibila e impedir que se una a outros azucres.

Ao axustarse a outros sistemas, este elemento de ligazón permite a súa presentación multivalente e constitúe unha poderosa estratexia para o recoñecemento selectivo de proteínas de interese. Entre eses diminutos sistemas destaca o fullereno, unha molécula esférica formada por átomos de carbono.

A súa forma globular permite axustar a esta 'gaiola' de carbono outras moléculas bioactivas, de maneira que se atopen moi próximas entre si. Esta estratexia dá lugar a un gran número de interaccións, mellorando a unión destes ligandos cos seus respectivos receptores celulares.

O sistema xa mostrara anteriormente bos resultados na inhibición de certos virus, mediante a incorporación de azucres no fullereno, pero esta é a primeira vez que se logra ensamblar unha estrutura híbrida entre fullereno e péptidos capaz de recoñecer especificamente a E-selectina.

O péptido seleccionado foi sintetizado polo doutor Iván Gallego, no grupo do profesor Javier Montenegro, no CiQUS. Posteriormente, ata 12 unidades peptíticas foron axustadas á superficie do fullerano polo grupo do profesor Nazario Martín, na Universidade Complutense.

Os resultados do estudo, publicados na revista Angewandte Chemie, demostran que o novo híbrido pode recoñecer e penetrar de maneira selectiva en células vivas que presenten receptores do tipo E-selectina nas súas membranas. Isto traducirase en avances á hora de identificar e modular receptores proteicos involucrados no cancro e a metástase.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta