O persoal de Hiperxel denuncia atrasos no pago das nóminas

Critican a ausencia de información "clara e fiable" por parte da empresa.

Por E.P. | VIGO | 13/09/2022 | Actualizada ás 11:38

Comparte esta noticia

Os sindicatos CIG, UGT e CC.OO. denunciaron este martes os problemas do persoal de Hiperxel (agora Xeldist Conxelados), que sofren atrasos no cobro das súas nóminas desde o pasado mes de abril, e sen ter "información clara e fiable" por parte da empresa.

Segundo as centrais sindicais, o persoal padece unha situación de incerteza porque a empresa arrastra problemas de tesouraría que impiden o pago dos salarios a tempo, e xeran tamén dificultades no pago aos provedores e entrada de mercadoría.

Ante eses problemas, denunciaron, a empresa limítase a trasladarlles comunicados nos que "se mostra unha intención de reflote pero sen dar ningún tipo de garantía", e tentando convencer o comité de que a situación "está a piques de arranxarse", á vez que piden "un esforzo extra" ao persoal. 

Os sindicatos lembraron que Hiperxel, dedicada á comercialización de produtos conxelados e fundada hai máis de 30 anos, viuse inmersa en varios cambios de titularidade. Así, primeiro no grupo Iberconsa, foi adquirida polo grupo Vinova (onde está integrada a marca comercial Conxelados Cíes) en xullo de 2021 e agora é Xeldist Conxelados SLU.

"Tras uns meses de adaptación á nova situación empresarial, en abril do presente ano comezou a situación de atraso nas nóminas e a falta de mercadoría nas tendas", apuntou o comité, que explicou que o persoal ten que seguir acudindo aos seus postos de traballo "sen saber" cando cobrará.

Nese escenario, os sindicatos advertiron de que non descartan iniciar un calendario de actuacións para dar a coñecer a situación na que se atopa a empresa e tentar "frear as consecuencias negativas" da devandita situación.

Conxelados Hiperxel en Vigo
Conxelados Hiperxel en Vigo | Fonte: paxinasgalegas

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta