A aposta de Galicia como sede da Axencia de Intelixencia Artificial conta co apoio de empresas como Microsoft ou Amazon Web Services

A Xunta confirmou este mércores ante os integrantes do Nodo Galego de Intelixencia Artificial (galicIA) a candidatura para que esta comunidade a acolla

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/09/2022 | Actualizada ás 16:34

Comparte esta noticia

A Xunta confirmou este mércores ante os integrantes do Nodo Galego de Intelixencia Artificial (galicIA) a candidatura para que esta comunidade acolla a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA). Neste sentido, o Executivo autonómico traballará para acordar unha única candidatura que permita maximizar as posibilidades de contar con este organismo de nova creación.

Esta confirmación prodúcese tras a decisión do Consello de Ministros deste martes de iniciar o procedemento para a designación da sede física da AESIA. Entre os requisitos xa coñecidos, está a existencia dun potente ecosistema dixital. Neste sentido, lembrou a Xunta, Galicia xa destaca na xeración de coñecemento ao redor da Intelixencia Artificial a través de centros singulares de investigación; ademais de estar a desenvolver a súa propia Estratexia Galega de Intelixencia Artificial.

En concreto, Galicia é a primeira Comunidade española en afrontar o desafío de analizar o impacto ético da aplicación das tecnoloxías de IA no seu territorio e este traballo permitirá adaptar a lexislación galega a esta nova realidade. Así mesmo, Galicia conta con dous 'hubs' de innovación que suman as capacidades de máis de 4.200 empresas e entidades que empregan a 120.000 persoas. Ademais, o sector tecnolóxico suma 2.961 empresas con 20.740 empregados.

A aposta por Galicia como sede da AESIA conta xa co apoio de máis de 60 institucións e empresas, entre as que se atopan grandes tecnolóxicas como Amazon Web Services, Microsoft ou Google Cloud.

Por outra banda, tamén se analizaron os prazos establecidos polo Consello de Ministros, que anunciou que a Comisión Consultiva para a determinación das sedes disporá dun mes para dar a coñecer os criterios que se terán en conta para seleccionar a sede nun procedemento aberto e competitivo. A partir da publicación dos criterios no BOE, as Comunidades Autónomas e as entidades locais poderán presentar a súa candidatura. A elección deberá realizarse nun prazo máximo de seis meses.

Coñecidas as precandidaturas da Coruña, Ourense e Santiago de Compostela, os membros do nodo galicIA comprometéronse a apoiar unha candidatura de unidade. A decisión final tomarase en base aos criterios establecidos polo goberno de España, valorándose especialmente o peso do ecosistema empresarial e investigador en materia tecnolóxica.

Intelixencia artificial e computación cuántica.
Intelixencia artificial e computación cuántica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta