Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2022 | Actualizada ás 20:00
Mocidade de dez concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade participan nos obradoiros de debuxo urbano do proxecto europeo People & Planet, que busca implicar a xente nova na loita contra o cambio climático.
A actividade pon en valor distintos espazos naturais que artistas deben representar, ao tempo
que fomenta novas habilidades para implicarse na procura do ben común dun xeito creativo.
A Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración ‘O garaxe hermético’, dirixida por Kiko
da Silva, imparte esta actividade nos municipios da Laracha, Boiro, Burela, Carral, Fene,
Laxe, Nigrán, Pontedeume, Ribeira e Santiago de Compostela.
Nos obradoiros de “urban sketching” póñense en práctica as técnicas dun movemento creativo que se propón contar a realidade en primeira persoa a través do debuxo, celebrar a diversidade de miradas e compartilas coas demais persoas. Un recurso expresivo que pon de relevo a capacidade de observación destas reporteiras e reporteiros visuais en relación coa temática abordada.
A composición da paisaxe, a perspectiva ou a luz son algúns dos aspectos técnicos que se tratan durante a xornada, de catro horas de duración, na que se ofrece un soporte personalizado e se empregan materiais sustentables. Ademais, a sesión comeza cunha explicación sobre o espazo seleccionado e remata cunha reflexión crítica arredor da
conservación ambiental e do impacto causado polo ser humano.
Por último, unha vez finalizados os dez obradoiros, as obras resultantes complementaranse cun texto literario escrito por Manuel Lourenzo González, o que dará lugar a un libro virtual que amplificará o obxectivo desta actividade, na que se pon de relevo o potencial transformador da arte.
Os obradoiros de debuxo urbano forman parte dos Global GreenLabs que se levarán a cabo nos oito estados membros da UE que participan no proxecto People & Planet, se ben cada un escolle a súa propia metodoloxía. Nestes laboratorios promóvese a reflexión-acción a través de pequenas actividades experienciais, que poden tomar diferentes formas pero nas que o nexo común é o traballo manual, que ademais permite xerar un produto tanxible ao remate.
Trátase dun achegamento práctico que contribúe a fixar as aprendizaxes, a través dunha participación directa e interactiva que facilita a apropiación e, por tanto, a mobilización.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.