A dose de reforzo da vacina contra a covid-19 aumentou a protección da poboación galega, segundo un estudo

Os datos demostran que a terceira dose reduciu os riscos de infección, de hospitalización, de ingreso en UCI e de morte en persoas coa dose de recordo, e comparación coas que non a tiñan ou non estaban vacinadas. Con todo, inmunólogos dubidan da eficacia dunha cuarta dose de reforzo na poboación xeral.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/09/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A campaña para administrar a cuarta dose da vacina contra a covid-19 está en marcha. Galicia recibiu xa un total de 77.600 doses para administrar á poboación galega a cuarta dose a todos os maiores das residencias sociosanitarias. Unha vez administrada a este colectivo, a Consellería de Sanidade comezará a campaña de vacinación do resto da poboación, de maior a menor idade, nos grandes recintos, tal e como se fixo ata o de agora. De momento só está previsto aplicar esta nova dose a maiores de 60 anos e aos que, por baixo desa idade, teñan patoloxías inmunosupresoras. Pero, hai evidencias científicas da eficacia das doses de reforzo? Si. Un estudo feito precisamente en Galicia así o evidencia.

Vacinación contra a covid-19
Vacinación contra a covid-19 | Fonte: Europa Press.

Unha dose de reforzo da vacina contra a covid-19 aumenta a protección contra a infección por SARS-CoV-2 e contra a gravidade na poboación en xeral e nos pacientes comórbidos, é dicir, aqueles que sofren varias patoloxías. Esta é a principal conclusión dun estudo científico realizado en Galicia entre decembro de 2020 e novembro de 2021, cuxos resultados son agora publicados na revista científica Environmental Research e que foi liderado polo do grupo de investigación traslacional de Xenética, Vacinas, Infeccións e Pediatría (GenVip) , do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) e Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Obtívose “unha protección considerable” co reforzo: un 72% contra hospitalización, un 83% contra ingreso en UCI e un 66% contra mortalidade intrahospitalaria

O estudo incluíu 1.512.415 (94,13%) de resultados negativos e 94.334 (5,87%) positivos das probas de SARS-CoV-2 en persoas maiores de 11 anos. Os resultados indican que unha dose de reforzo da vacina contra a covid-19 está asociada cunha protección substancialmente maior contra a infección que a vacinación sen reforzo.

Detalladamente, o estudo analizou a efectividade da dose de recordo contra o desenvolvemento da covid-19 grave nunha poboación mixta de individuos potenciados e non potenciados coa dose extra e obtívose, segundo estes expertos, “unha protección considerable” co reforzo: un 72% contra hospitalización, un 83% contra ingreso en unidades de coidados intensivos (UCI) e un 66% contra mortalidade intrahospitalaria.

Ademais, os pacientes comórbidos potenciados coa dose de reforzo mostráronse “máis protexidos contra a infección por SARS-CoV-2 que os que non foron potenciados”, salientan os autores da investigación. “Isto observouse nunha ampla gama de enfermidades principais, incluíndo cancro (81% fronte a 54%), enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (84% fronte a 61%), diabetes (84% fronte a 65%), hipertensión (82% fronte a 65%) e obesidade (91% fronte a 67%), entre outras”, destacan.

Os investigadores tamén observaron nos datos unha alta vacinación de reforzo en todas as idades, pero foi máis pronunciada nas persoas maiores de 65 anos, a poboación máis vulnerable á covid-19.

RECOLLIDA MASIVA DE DATOS

Os científicos fixeron un estudo retrospectivo de casos e controis con probas negativas para determinar a eficacia das vacinas administradas en Galicia fronte á infección por SARS-CoV-2, así como contra o desenvolvemento da covid-19 grave que causa hospitalización, ingreso en UCI ou morte.

Para estimar a eficacia da dose de recordo en persoas vulnerables, excluíron da análise aqueles individuos que tiñan un resultado positivo previo de PCR, antíxeno ou anticorpos SARS-CoV-2 en calquera momento antes da data de inscrición no estudo. Un resultado positivo da proba de PCR SARS-CoV-2 representou un caso, mentres que un resultado negativo considerouse un control. E só se considerou unha proba PCR positiva de SARS-CoV-2 por paciente.

93.179 persoas infectadas foron incluídas na análise da eficacia da vacina de reforzo contra a hospitalización por covid-19, o ingreso en UCI e a mortalidade. 

Os individuos foron categorizados en non vacinados, parcialmente vacinados, non potenciados e potenciados. As persoas non vacinadas son aquelas que non recibiron ningunha inxección da vacina contra a covid-19 durante o período de estudo. Os individuos parcialmente vacinados son aqueles que recibiron unha dose única das vacinas que requiren de dúas doses para completar a pauta, así como os que recibiron as dúas inxeccións destas vacinas ou a única inxección de Janssen, pero con menos de sete días despois da última inxección. Os individuos non potenciados son aqueles que recibiron a pauta completa da vacina contando desde o sétimo día despois da última inxección. Os individuos potenciados son aqueles que recibiron unha dose adicional da vacina contando polo menos sete días despois da inxección.

O resultado principal do estudo consistiu na infección por SARS-CoV-2 confirmada por unha proba baseada en PCR. A data da infección por SARS-CoV-2 considerouse a data da primeira proba de PCR positiva. Os resultados secundarios incluíron a hospitalización, o ingreso na UCI ou a mortalidade atribuída a covid-19 grave. Só se consideraron as mortes intrahospitalarias para a análise da mortalidade.

O SARS-CoV-2 considerouse unha causa de hospitalización se un paciente tiña un resultado positivo da proba de PCR nos 30 días anteriores ao ingreso hospitalario ou dentro dos tres días posteriores á hospitalización. Para contabilizar as infeccións intrahospitalarias, non se incluíron na análise os pacientes cunha proba PCR positiva para SARS-CoV-2 despois de tres días de hospitalización. Determináronse os ingresos na UCI e a mortalidade hospitalaria entre a poboación de pacientes hospitalizados por covid-19.

En canto ás comorbilidades asociadas, incluían fibrilación auricular, cancro, enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC), demencia, depresión, diabetes, epilepsia, insuficiencia cardíaca, virus da inmunodeficiencia humana (VIH), hipertensión, cardiopatoloxía isquémica, insuficiencia renal, obesidade, accidente cerebrovascular e enfermidade de Parkinson.

Só catro individuos do estudo reforzados coa vacina (0,07 %) e que resultaran positivos en SARS-CoV-2 foron hospitalizados por covid-19

En total, 909.636 persoas cumpriron os criterios de inclusión e aportaron 1.606.749 resultados das probas de SARS-CoV-2 á análise. Entre os individuos incluídos, 94.334 estaban infectados con SARS-CoV-2, mentres que os 815.302 restantes foron negativos. O número de individuos infectados foi o mesmo que o dos resultados positivos das probas de SARS-CoV-2 (94.334, isto é, o 5,87% do total de probas de PCR), xa que só se considerou unha proba positiva de SARS-CoV-2 PCR por individuo. As 815.302 persoas negativas para SARS-CoV-2 proporcionaron 1.512.415 de resultados de probas para a análise (94,13% do total de probas de PCR), xa que cada individuo podería aportar un ou máis resultados negativos das probas de PCR para o SARS-CoV-2 ao estudo. E, como explican os propios investigadores, “a unidade de análise do noso estudo é a proba, non a persoa”. Dos individuos con resultado negativo, o 58,2% contribuíu só cun resultado da proba, o 25,4% proporcionou dous resultados negativos, o 16,4% compartiu máis de dous resultados negativos e o 2,5% deu máis de cinco resultados negativos.

En 1.155 das persoas infectadas, a covid-19 non se considerou a causa da hospitalización, xa que a infección por SARS-CoV-2 foi nosocomial (é dicir, a infección produciuse no nospital) ou a hospitalización tivo lugar máis de 30 días despois da infección. En consecuencia, 93.179 persoas infectadas foron incluídas na análise da eficacia da vacina de reforzo contra a hospitalización por covid-19, o ingreso en UCI e a mortalidade intrahospitalaria. Das 93.179 persoas infectadas, 5.871 (6,30%) foron hospitalizadas por covid-19 e 925 (0,99%) foron ingresadas na UCI. Tamén se rexistraron 1.008 mortes hospitalarias por covid-19 (1,08%).

PROTECCIÓN CONTRA A INFECCIÓN E CONTRA A COVID-19 GRAVE

Unha vez analizados todos os datos e variables do estudo, observouse que o impacto da vacinación foi positiva contra a infección e a gravidade da covid-19. Así, recibir unha dose de recordo aumentou a protección contra a infección por SARS-CoV-2 do 66 % en individuos vacinados pero non potenciados ao 87 % naqueles que sí recibiron o reforzo.

Ningún dos individuos que deron positivo en coronavirus e recibiran unha dose de reforzo da vacina foi ingresado na UCI ou morreu por covid-19

Só catro individuos reforzados coa vacina (0,07 %) que resultaran positivos en SARS-CoV-2 foron hospitalizados por covid-19. Estimouse entón a eficacia contra a hospitalización por covid-19 na subpoboación mixta de individuos non potenciados e potenciados e observouse unha protección superior ao 70%.

Ningún dos individuos que deron positivo en SARS-CoV-2 e recibiran unha dose de reforzo da vacina foi ingresado na UCI ou morreu por covid-19, polo que se estimou a eficacia das doses de recordo na subpoboación mixta de persoas non potenciadas e potenciadas. A eficacia fronte ao ingreso en UCI foi do 83% e a contra a mortalidade intrahospitalaria, do 66%.

Na poboación de estudo só se administraron vacinas tipo ARNm como doses de reforzo. A análise restrinxida de individuos que recibiran exclusivamente este tipo de vacinas mostrou un 88% de eficacia contra as infeccións por SARS-CoV-2. Entre os individuos que recibiran a dose de recordo de ARNm, só catro foron hospitalizados e ningún foi ingresado na UCI nin morreu por covid-19. Nunha subpoboación mixta de individuos non potenciados e potenciados, a eficacia da dose de reforzo fronte á hospitalización por covid-19 foi do 74 %; dun 86% contra os ingresos en UCI e dun 71% contra a mortalidade intrahospitalaria.

POR IDADES

Ao estratificar a poboación de estudo por idades, só se obtiveron observacións suficientes de individuos coa dose de reforzo para os maiores de 65 anos. O que se puido comprobar foi que recibir unha dose de recordo da vacina contra a covid-19 ofrece máis do 80 % de protección contra a infección por SARS-CoV-2 na poboación maior. Detalladamente, un 85% nas persoas de 66-80 anos, e dun 82% en persoas a partir de 81 anos.

A efectividade da dose de reforzo contra a hospitalización foi superior ao 70% en persoas maiores de 65 anos

Por outro lado, a efectividade da dose de reforzo contra a hospitalización foi superior ao 70% en persoas maiores de 65 anos. Concretamente, un 71% en individuos de 66-80 anos e un 73% a partir dos 81 anos.

Para as demais idades, até os 65 anos, a eficacia da dose de reforzo estimouse na subpoboación mixta de individuos sen e con dose de recordo, e oscilou entre o 51% e o 76%. E a eficacia contra a hospitalización nestes grupos de idade máis novos foi entre o 69% e o 84%.

Ao comparar a subpoboación mixta de individuos vacinados sen e con dose de reforzo cos non vacinados mostrou unha eficacia da vacina substancial contra o ingreso na UCI por covid-19 en individuos de entre 46 e 65 anos do 86% e do 83% nos maiores de 65 anos. Os datos tamén revelaron unha protección considerable contra a morte por covid-19 en persoas maiores de 65 anos, do 65%.

COMORBILIDADES

Nos casos de persoas con comorbilidades e que recibiron unha dose de reforzo, mostrouse que estas están máis protexidas contra a infección por SARS-CoV-2 que as que non recibiron esa dose extra, e tamén menor risco de ingreso en UCI.

Así, por exemplo, o aumento da protección pola dose de reforzo foi o máis notable nos pacientes con problemas de saúde importantes como o cancro (do 54% ao 81%) e a obesidade (do 67% ao 91%) en comparación cos pacientes non potenciados. E as probabilidades de hospitalización relacionada coa covid-19 diminuíron entre un 49% e un 79% despois de vacinar os pacientes comórbidos, segundo as diferentes enfermidades, mentres que se reduciu o risco de ingreso en UCI relacionado coa covid-19 en máis dun 80% en pacientes con cancro, depresión, diabetes, hipertensión ou obesidade.

“Os nosos datos apoian a utilidade da dose de reforzo da vacina contra a covid-19”, afirman os investigadores galegos

En conclusión, os datos deste estudo mostran, segundo os seus autores, “unha alta eficacia” da terceira dose de reforzo contra a infección por SARS-CoV-2 e o desenvolvemento de covid-19 grave.

“Informamos de que as persoas que recibiron unha dose de reforzo da vacina contra a covid-19 están substancialmente máis protexidas contra a infección por SARS-CoV-2 que as persoas que recibiran algunha das vacinas autorizadas pero non a dose de reforzo, un 87 % fronte a un 66%”, salientan os investigadores galegos, que engaden: “Os nosos datos apoian a utilidade da dose de reforzo da vacina contra a covid-19”.

MÁIS EVIDENCIAS

Varios estudos, entre eles o ENE-COVID Senior, do Instituto de Salud Carlos III de Madrid, mostraron tamén que a dose de reforzo da vacina fronte á covid-19 fortalece a inmunidade ao restaurar as defensas e volve situar a persoa vacinada “nunha zona de seguridade inmunolóxica”.

Neste estudo estatal analizouse a eficacia da terceira dose vacinal en pacientes de máis de 65 anos e observouse que esta “incrementa en máis de 20 veces os títulos xerais de anticorpos fronte ao dominio de unión ao receptor (RBD)”.

Neste caso, analizáronse datos de 1.200 persoas maiores de 65 anos e comparáronse cos de 400 persoas menores de 65 anos. Ademais de demostrarse que os títulos de anticorpos totais se incrementan tras a dose de recordo, fortalecendo a inmunidade da persoa, e que os anticorpos neutralizantes tamén aumentan tanto para a variante ómicron do coronavirus como para a delta, comprobouse tamén que a inmunidade celular mantense tras a terceira dose da vacina, e que a protección fronte ao virus é maior en persoas que xa pasaron a covid-19.

MÁIS DOSES DE REFORZO?

Agora existe un debate sobre a necesidade, ou non, de aplicar unha cuarta dose á poboación. De momento, só se considerou e aprobou para o sector poboacional máis vulnerable, as persoas maiores e as inmunodeprimidas.

“Como estratexia xeneralizada para toda a poboación, unha estratexia baseada en reforzos cada poucos meses é un despropósito desde o punto de vista inmunolóxico”

En xaneiro deste ano, o director da Estratexia de Vacinas da Axencia Europea do Medicamento (EMA), Marco Cavaleri, dixo que “non é sostible a longo prazo seguir dando doses de recordo cada tres ou catro meses” á poboación xeral. Opinión coa que coincide África González Fernández, catedrática de Inmunoloxía na Universidade de Vigo. Para esta experta, “non ten sentido unha estratexia baseada en reforzos cada poucos meses, nin é recomendable”, explica a través do Science Media Centre (SMC).

“O sistema inmunitario pode esgotarse, estar exhausto, e conseguir o efecto oposto fronte á mesma vacina. Moitas inmunizacións repetidas no tempo inducen tolerancia, menor resposta, e tense visto que afecta tamén á calidade dos anticorpos. Ademais, poderían darse problemas por exceso de anticorpos”, aínda que recoñece que “isto aínda non o sabemos con esta vacina”.

Mentres, José Gómez Rial, inmunólogo do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, considera que, “como estratexia xeneralizada para toda a poboación, unha estratexia baseada en reforzos cada poucos meses é un despropósito desde o punto de vista inmunolóxico”. Pero si recoñece que “como estratexia para os grupos vulnerables pode ter sentido, pero sería moi aconsellable actualizar a vacina á variante ómicron e centrar o reforzo só neste grupo de poboación e con monitorización estreita de perda de efectividade vacinal”, explica tamén a través do SMC.

Con todo, pon “en dúbida” que administrar reforzos cada poucos meses sexa nocivo: “O noso sistema inmune está preparado para responder sobradamente a multitude de estímulos ao mesmo tempo. Pero as reaccións secundarias á vacinación (adenopatías, por exemplo) multiplicaríanse, a reactoxenicidade á vacina, as molestias, etc. Reforzos repetidos en poboación xeral o único que producirían é un rexeitamento masivo á vacinación, e converteriamos o éxito de programa de vacinación (no noso país) nun fracaso por abusar sen sentido das vacinas”, advirte.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta