Avanzan nun novo test de diagnóstico de cancro de endometrio sen biopsias

Unha tese presentada na USC permite detectar demencias a partir dunha proba de 10 láminas e que se pode realizar en dous minutos

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2024 | Actualizada ás 17:45

Comparte esta noticia

O Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), impulsado polas universidades da Coruña, Santiago e Vigo, participan no proxecto europeo 'CytoMARK', que busca desenvolver un novo test de diagnóstico para o cancro de endometrio que evite biopsias e non sexa invasivo, senón que se poida empregar nunha consulta.

En concreto, por parte do CITMAga, a coordinadora é María Ángeles Casares de Cal, xunto a Antonio Gómez Tato, quen desenvolven o seu labor nas áreas de Estatística e Investigación Operativa e de Xeometría e Topoloxía da facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Outros socios desta iniciativa son o Instituto de Investigación Vall d'Hebrón, o Instituto de Saúde de Luxemburgo, o Hospital Universitario Haceteppe de Turquía, e dúas empresas deste último país e de Lituania que se encargarán de validar o novo método.

Tal e como explica o CITMAga, o de endometrio é o cuarto cancro máis común entre as mulleres e dos poucos cuxa incidencia segue en aumento. Nun contexto no que a detección precoz "é fundamental", porque está "directamente asociada á supervivencia", o certo é que aínda non hai métodos de cribado dispoñibles e o seu diagnóstico só se realiza en pacientes que presentan síntomas.

Kits non invasivos de Biopsia Líquida. AMSLAB
Kits non invasivos de Biopsia Líquida. AMSLAB

PROBAS NON INVASIVAS

"O diagnóstico de cancro de endometrio non é algo simple, senón que inclúe probas médicas invasivas, que requiren quirófano e anestesia. O obxectivo do proxecto é desenvolver un método non invasivo, fiable e rápido, para poder descartar, ou non, que a paciente teña cancro", explica o profesor Antonio Gómez Tato.

O proxecto 'CytoMARK' busca determinar o perfil das proteínas vinculadas a esta enfermidade oncolóxica, a partir da extracción de mostras de mulleres con ou sen cancro de endometrio. Para iso, seleccionáronse varias proteínas candidatas --o que se coñece como biomarcadores-- a partir das cales desenvolver un modelo matemático para coñecer, con alta probabilidade, se a paciente presenta ou non a enfermidade.

Posteriormente, as empresas europeas participantes no proxecto encargaranse de desenvolver un pequeno dispositivo para utilizar directamente nas consultas médicas. Deste xeito, identificando biomarcadores no fluído cervical das pacientes, pódese axilizar o proceso e coñecer o diagnóstico na propia consulta, a través desta ferramenta personalizada.

"Así, cando unha paciente presente algún síntoma compatible coa enfermidade, mediante unha simple análise dunha mostra obtida na consulta, poderase descartar ou non a presenza dun cancro endometrial e, por tanto, evitar biopsias innecesarias", asegura Gómez Tato.

DIAGNÓSTICO SIMPLIFICADO DE DEMENCIA

Por outra banda, na USC defendeuse recentemente unha tese doutoral que mostra a eficacia dun test que permite detectar demencias e trastornos cognitivos en persoas de baixo nivel educativo a partir de só 10 láminas.

Tal e como informa a universidade, este sistema baséase na coñecida como 'escala de denominación de Boston' (BNT), que consta de 60 láminas con debuxos de obxectos cotiáns que avalían a capacidade dos pacientes para dicir os seus nomes. Con todo, este método presenta dificultades de aplicación pola súa excesiva duración e porque non está pensado para persoas con escaso nivel educativo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta