BNG e Sumar instan á Xunta a buscar unha solución para os investigadores bolseiros de María Zambrano e Margarita Salgas

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/12/2024 | Actualizada ás 19:44

Comparte esta noticia

O deputado do BNG, Daniel Castro, instou á Xunta a realizar, "no menor tempo posible", os trámites necesarios para garantir a continuidade en 2025 das convocatorias María Zambrano e Margarita Salgas para os investigadores galegos.  "A investigación é un dos alicerces fundamentais para que as sociedades avancen tanto cientificamente como no seu nivel de benestar", destacou Castro.

Por iso, manifestou que todos os gobernos deben facer unha "aposta importante" pola mesma, "con grandes políticas públicas que favorezan o desenvolvemento da carreira investigadora no país e que eviten que os galegos máis e mellor formados teñan que marcharse ao estranxeiro para seguir cos seus proxectos".

Para Castro, a situación dos investigadores galegos cunha bolsa María Zambrano e Margarita Salgas é "de absoluta incerteza e indefensión" xa que, lembra, neste momento todos os investigadores ven como os seus contratos acaban a finais de ano ou mesmo antes, "sen ter ningunha información de cal vai ser o seu futuro".

SUMAR PIDE UNHA APOSTA "CLARA"

Na mesma liña expresouse a portavoz do grupo parlamentario Sumar e presidenta do Movemento Sumar Galicia, Verónica Martínez Barbeiro, que tamén animou á Xunta a "consolidar" a esas persoas, "principalmente mulleres novas, científicas que van ver extinguidos os seus contratos o próximo 31 de decembro".

"É necesaria unha aposta clara con diñeiro e con prazos por parte da Xunta de Galicia para consolidar a científicos que viñeron a Galicia coa idea de vivir e traballar aquí", afirmou. Para Martínez Barbeiro, "non é de recibo" que o Ministerio financie un programa de axudas a partir da atracción do talento estranxeiro "e que a Xunta non teña vontade, a través das universidades, de consolidar a estes científicos".

A portavoz do grupo lembrou ademais que a Xunta inviste pouco máis dun 1% en I+D+i, cunado a media da Unión Europea é do 2,5%. "Todos sabemos que a ciencia é un bo negocio. Por cada euro investido temos dous euros de volta. Por tanto, instamos á Xunta a que faga, como a Universidade de Vigo, un programa de consolidación cofinanciado coas universidades para retelos", animou.

Investigadora. MICIU
Investigadora. MICIU

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta