Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/09/2022 | Actualizada ás 17:51
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, deu conta este venres dos novos achados feitos nas escavacións no convento pontevedrés de Santa Clara, que rematarán este mes de setembro.
Os traballos feitos polo equipo de arqueoloxía acaban de revelar que o claustro, que a día de hoxe só conserva dous lados, tiña en orixe polo menos outro máis na zona oeste que foi derrubado. Baixo terra atopáronse pavimentos empedrados e na zona exterior restos dun tellado que voaba sobre o xardín da fonte e tamén cicatrices da ligazón coa edificación.
Con estes descubrimentos, resólvese un dos enigmas sobre a singularidade do claustro de Santa Clara, diferente ao doutras construcións relixiosas que pechaban con catro galerías unha zona central axardinada.
Nas sondaxes non se atoparon evidencias de que o cuarto lateral fose construído, polo que o seu deseño orixinal sería en forma de 'O' con dúas ás simétricas en dirección sur.
Mosquera tamén explicou nesta comparecencia que os estudos de paramentos revelaron que no muro interior paralelo ao da praza de Barcelos existen 'ventanucos' abucinados similares ás saeteras. Estes, sen poder determinar de momento se foron construídos por orde das monxas ou anteriormente, tiñan moi probablemente un carácter defensivo, xa que a parte externa é estreita e a interna máis ancha. As aperturas están a día de hoxe colmatadas e recheas de pedras.
Ata fin de mes, o equipo arqueolóxico realizará traballos complementarios para confirmar datos e teorías sobre algún elemento concreto. Unha vez rematen co traballo de campo, nos próximos días intensificarase o labor de documentación e priorizarase a de análise e redacción de informes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.