Por E.P. | VIGO | 26/09/2022 | Actualizada ás 11:41
O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo publicou a resolución provisional da liña de axudas a plans de innovación e sustentabilidade no ámbito da industria manufactureira no ano 2022, da que se beneficiaron un total de 71 proxectos, dos cales só un se desenvolverá en Galicia.
Enmarcado dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, esta iniciativa mobilizará uns 103,9 millóns de euros entre préstamo e subvención. En concreto, do importe total 24,6 millóns corresponden a subvención directa e 79,3 millóns, de préstamo a tipo cero. Cataluña e Comunidade Valenciana foron as comunidades autónomas con maior número de concesións provisionais, cun total de 29 e 12, respectivamente. Con todo, en Galicia só unha firma obtivo esta axuda.
En concreto, a Compañía Española de Algas Mariñas, situada na localidade pontevedresa do Porriño, foi proposta para beneficiarse dunha axuda de máis de 726.000 euros e un préstamo que supera os 5 millóns de euros para o seu proxecto de caldeira de biomasa.
Tal como explicou o Ministerio nun comunicado, con esta liña apóianse proxectos de I+D+i, así como actuacións enfocadas á sustentabilidade a través da mellora da eficiencia enerxética e a economía circular en liña co Green Deal da Unión Europea.
Todas estas actuacións aplícanse na cadea de valor da industria manufactureira e enmárcanse nalgunha das seguintes prioridades temáticas: economía circular e ecoinnovación, descarbonización, eficiencia enerxética, novas fontes de enerxía renovable e redución de emisións contaminantes, materiais e produtos avanzados, innovación en procesos de calidade e seguridade, innovacións do proceso produtivo derivadas da prioridade de materiais e produtos avanzados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.