Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2022 | Actualizada ás 12:31
O ciclo 'Revisando a nosa arte', organizado polo Consello da Cultura Galega, regresa este mércores 28 de setembro cunha xornada dedicada á figura de Julia Minguillón, "unha das grandes pintoras da posguerra e unha das poucas artistas galegas que transcenderon a nivel nacional".
Con todo, o Consello lamentou que, a pesar de contar cunha traxectoria destacada, "aínda permanece descoñecida para o gran público". Por iso, co obxectivo de divulgar a súa figura, a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas da institución dedícalle unha xornada, que estará coordinada por Paula Cabaleiro.
O ciclo comezará cunha conferencia a cargo de María Victoria Carballo-Calero Ramos, catedrática de Historia da Arte Contemporánea da Universidade de Vigo e especialista na obra de Minguillón cunha tese de doctoramiento que publicou a Fundación Barrié. A súa conferencia titúlase 'Julia Minguillón: imaxes silenciosas'.
A continuación, a xerente da Rede Museística de Lugo, Encarna Lago, e os 'teatreiros' María Campos e Carlos Yus explicarán como a rede de museos lucense partiu da súa obra para inspirar outras prácticas artísticas, culturais e pedagóxicas. A sesión é presencial e pode seguirse en directo a través do sitio web e as redes sociais da institución.
JULIA MINGUILLÓN
Julia Carmen Minguillón Iglesias, nacida en Lugo en 1906, era filla do boticario de Vilanova de Lourenzá, onde pasou a súa infancia. En Burgos e Valladolid entrou en contacto coa pintura, durante o bacharelato, e volve a Lugo con 17 anos. Cunha bolsa de estudos da Deputación de Lugo, trasládase a Madrid, onde orienta primeiro a súa formación cara á escultura e despois cara á pintura. Xa en 1933 participa na súa primeira exposición colectiva.
Cando comezou a Guerra Civil, regresou á casa paterna en Vilanova de Lourenzá, onde casou co escritor e xornalista Francisco Leal Insua, a quen retratou nunha das súas obras máis soadas: 'A miña familia'. Actualmente esta obra atópase exposta no Museo Provincial de Lugo xunto coa que se considera a obra máis representativa da autora, 'A escola de Doloriñas', premiada coa Primeira Medalla na Exposición Nacional de Belas Artes en 1941 e exhibida durante os anos seguintes en Berlín e na Bienal de Venecia.
De 1945 a 1961 reside entre Vigo, Madrid e América Latina, e viaxa en varias ocasións a París. En 1961 regresou a Madrid, onde residiu ata o seu falecemento en 1965.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.