Galicia pide a transferencia á Xunta dos activos inmobiliarios do Sareb

O Goberno central anunciou fai máis dun ano a cesión de 10.000 inmobles da Sareb a comunidades autónomas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2022 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

Os tres grupos con representación no Parlamento de Galicia votaron este mércores a favor dunha proposición non de lei presentada polo BNG para reclamar que a Xunta solicite ao Goberno central a cesión ao Instituto Galego de Vivenda e Solo dos activos inmobiliarios de uso residencial propiedade do Sareb, co fin de incrementar a oferta de alternativas habitacionales públicas e axilizar a resposta do Rexistro de Demandantes de Vivenda.

A iniciativa foi defendida no pleno pola deputada nacionalista Alexandra Fernández, que lembrou que o Goberno central anunciou fai máis dun ano a cesión de 10.000 inmobles do Sareb a comunidades autónomas, un compromiso que, "ademais de ser insuficiente", aínda "segue sen concretarse", denunciou.

"Son moitas as comunidades que están a facer presión para a transferencia deste parque e pedímoslle á Xunta que asuma esta cuestión como prioritaria e que Galicia se poña á fronte da batalla para lograr dunha vez por todas que se faga xustiza", dixo Alexandra Fernández.

O acordo parlamentario inclúe tamén o compromiso da Xunta para elaborar un informe valorativo dos activos da Sareb en Galicia que concrete unha proposta de selección dos activos a transferir ao IGVS en base a criterios sociais, despois de demandar da sociedade e do Goberno estatal a información sobre o número de bens, o seu estado de conservación e localización e a evolución do parque inmobiliario en mans da Sareb no territorio galego.

De igual maneira, e co fin de evitar situacións de desafiuzamento, pídese ao Executivo galego que busque a continuidade dos contratos vixentes, especialmente nos casos de rendas baixas e persoas vulnerables, ben a través da solicitude ao Goberno do Estado e á Sareb do mantemento e prórroga dos contratos de aluguer existentes, ben mediante a solicitude de transferencia dos bens inmobles ao IGVS ou aos concellos e a subrogación dos contratos para incorporalos posteriormente á bolsa de vivenda pública.

Vivenda para alugar
Vivenda para alugar | Fonte: Jesús Hellín - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta