Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2022 | Actualizada ás 19:08
Vía Galega presentou esta mañá en Compostela a campaña que ten previsto desenvolver en todo o país para popularizar e divulgar os nosos símbolos nacionais –o himno e a bandeira-, coñecer a súa historia e o seu significado. A plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza considera relevante a súa difusión e propagación “para fortalecer a nosa autoestima”, porque “canta máis identificación se teña con eles máis avanzará a conciencia nacional para acadar a soberanía plena”.
Para iso, desenvolverá diferentes actos de afirmación patriótica arredor da nosa bandeira entre o 14 e o 19 de abril, coincidindo co 124 aniversario da Asemblea Nacionalista Galega. Ademais, durante esa semana colocaranse, izaranse, pegaranse e engalanarase con bandeiras todo o país e o propio día 19, ás 11:30 horas, levarase a cabo unha acción expansiva que consistirá en izar ou colocar a bandeira galega nun lugar vistoso e con vontade de permanencia.
Na rolda de prensa -na que tamén estiveron presentes os membros da coordinadora de Vía Galega, Manuel da Cal, Susana Méndez, Lucía Veciño, Carlos Vieito, Nuno Galán e María Xosé Bravo-, Louzao salientou a relevancia que para Galiza “unha nación sen Estado”, teñen os seus símbolos nacionais, como “sinais de identidade colectiva de pertenza a unha nación” porque “nos singularizan e encarnan o que somos”, dixo, “patentizan o noso País, proclaman a vontade de ser e reclaman o dereito a existir libremente”.
Nese sentido, denunciou o proceso de colonización que padecemos, que “reprime, borra ou silencia toda manifestación na que subxaza autoafirmación e identificación colectiva e vontade de liberarse da opresión para sermos nos mesmos”.
Xunto a isto rexeitou a pretensión de substituír a simboloxía nacional galega pola española, “cada ves máis prolifera e expansiva, chegando a que a nosa bandeira non pode representarnos se non esta amparada e vixiada pola vermella e amarela”.
LEI DE SÍMBOLOS DE GALICIA
O portavoz de Vía Galega lembrou que a Lei de Símbolos de Galiza leva 38 anos en vigor, malia o que “o noso himno segue interpretándose de maneira incompleta e a letra continúa sen corrixirse de acordo co texto orixinal composto por Eduardo Pondal”. Unha situación que considerou “insólita” a pesar de que o catedrático da UDC, Manuel Ferreiro, despois dunha investigación que cualificou como “grandiosa”, leva publicado distintas edicións da historia do Himno que reproducen a súa letra orixinal.
Por iso, para Vía Galega é necesario e urxente modificar a Lei de Símbolos para restaurar oficialmente a letra do noso Himno, tal e como foi creada por Eduardo Pondal. “Non hai razón nin xustificación posíbel para non emprender a súa restauración. Só desde o menosprezo da nosa historia e cultura se pode manter esta situación”, considerou Louzao.
O portavoz da plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza denunciou ademais o “desleixo e desprezo” da Xunta de Galiza para con “todo o que nos recoñece e nos fai galegos e galegas, fai que teñamos que ser outros os que suplamos a súa misión e obriga de procurar a máxima propagación e coñecemento dos nosos símbolos nacionais” e concluíu que “queremos ver ondear permanente as nosas bandeiras e entoar o noso Himno restaurado como unión e afirmación patriótica dunha nación que camiña cara a súa liberdade”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.